Ir o contido principal

A Fundación CEER, dentro da Semana da Ciencia, presenta un avance do proxecto europeo 'Campus en Rede' para facilitar o acceso virtual aos recursos museísticos universitarios

A actividade, denominada 'Museo Virtual Universitario: acceso a un novo universo cultural', preséntase o luns 12 dentro das actividades da Semana da Ciencia en Galicia

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) participará no desenvolvemento da Semana da Ciencia en Galicia coa instalación dun stand na Facultade de Xeografía e Historia dotado de ordenadores que poderán utilizar os visitantes para coñecer a web e as potencialidades da ferramenta dixital do museo virtual universitario da Fundación CEER.
Á presentación, que se vai desenvolver na Sala de Xuntas da Facultade de Xeografía e Historia a partir das 11:00 horas, asistirán o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás; e a decana do centro, Mar Llinares.
O acceso aos contidos desta actividade poderá realizarse dende o stand emprazado no Claustro da Facultade de Xeografía e Historia, onde os visitantes poderán adentrarse nas fichas de numerosos recursos museísticos das seis universidades públicas de Galicia e o norte de Portugal. Trátase dunha actividade organizada pola Fundación CEER e financiada pola Consellaría de Innovación e Industria.
A Fundación CEER traballa na actualidade, a través do proxecto europeo ‘Campus en Rede’, no deseño e desenvolvemento dun Museo Virtual Universitario onde se aglutinarán recursos de historia natural e patrimonio cultural e científico universitario que van dende a arquitectura, pintura, libros, escultura ou louza ata contidos zoolóxicos ou botánicos, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2007.