Ir o contido principal

A Fundación Dieta Atlántica pon en valor o consumo de peixe e marisco no Día da Nutrición

O peixe e os produtos do mar foron os protagonistas este venres no encontro Pesca Saúde
O peixe e os produtos do mar foron os protagonistas este venres no encontro Pesca Saúde
A profesora da USC e presidenta do comité científico da Fundación, Rosaura Leis, participou no encontro Pesca Saúde onde profundou nos nutrientes indispensables dentro dunha dieta saudable e equilibrada
Santiago de Compostela

O peixe e os produtos do mar foron os protagonistas este venres no encontro Pesca Saúde que se desenvolveu na Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira co gallo da XXI Edición do Día da Nutrición. Esta iniciativa da Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (FESNAD) centrouse este ano no peixe e os produtos do mar co obxectivo de promover un alimento con nutrientes indispensables dentro dunha dieta saudable e equilibrada. Así o puxo de manifesto a profesora da USC, vicepresidenta de Fesnad e presidenta do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica-USC, Rosaura Leis, quen incidiu nos beneficios nutricionais do consumo de peixes e produtos do mar. No acto tamén estivo presente o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo.

O encontro contou coa participación da conselleira  do Mar, Rosa Quintana, quen agradeceu o traballo realizado pola Fundación Dieta Atlántica e a presidenta do seu comité científico na divulgación entre a cidadanía dos beneficios para a saúde de consumir peixes e mariscos. Rosa Quintana destacou na súa intervención a importancia de que toda a poboación inclúa produtos do mar como un elemento básico da súa dieta e puxo de relevo o traballo realizado pola Xunta de Galicia para promover o seu consumo, facendo especial fincapé na poboación máis nova, en especial, nenas e nenos.

No encontro, no que tamén estivo presente o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, anunciouse que a Escola Náutico- Pesqueira da localidade contará coa primeira aula formativa de España sobre pesca sostible. Trátase, segundo explicou a conselleira  do Mar, dun novo contido formativo que pretende chegar a todos os niveis educativos da escola e que abarcará todo o proceso de captura dos recursos, desde a saída das embarcacións do porto ata o seu regreso a terra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2022.