Ir o contido principal

A Fundación Dr. Antonio Esteve recoñece un traballo dirixido por Rubén Nogueiras como o mellor artigo de investigación farmacolóxica dun autor español nos últimos tres anos

De dereita a esquerda, Daniel Beiroa, Rubén Nogueiras e Mónica Ibernom, asinantes do artigo agora recoñecido
De dereita a esquerda, Daniel Beiroa, Rubén Nogueiras e Mónica Ibernom, asinantes do artigo agora recoñecido
O artigo demostra a eficacia na redución de peso dun fármaco para a diabete

A liraglutida, medicamento utilizado no tratamento da diabete tipo 2, consegue diminuír o peso corporal e, polo tanto, empregarase tamén contra a obesidade. Este efecto é posible mediante o incremento do gasto calórico e pode ser independente da inxesta. Este é o importante achado que o grupo que dirixe o profesor da Universidade de Santiago Rubén Nogueiras publicou en 2014 na revista Diabetes e que agora recibe o recoñecemento do Premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve, dotado con 18.000 euros. O equipo de Rubén Nogueiras ten o seu laboratorio no Centro de investigación en Medicina Molecular e Enfermidade Crónicas da USC (CiMUS) e está adscrito tamén ao CIBER de Obesidade e Nutrición.

O tribunal internacional que outorga este premio de Investigación considerou o estudo asinado por Daniel Beiroa baixo a dirección de Rubén Nogueiras como o mellor artigo de investigación farmacolóxica publicado por un autor español nos últimos tres anos. O traballo conseguiu demostrar en roedores cómo a liraglutida, máis coñecida pola súa denominación comercial –Victoza- actúa no cerebro e activa un mecanismo para queimar graza e incrementar o gasto enerxético sen que se vexa afectada a inxesta de alimentos. Ademais, a investigación tamén realizou un exhaustivo seguimento de quince pacientes con obesidade e diabete tipo 2, controlando periodicamente o peso, a alimentación, a insulina, a glucosa e outros indicadores. Despois dun ano de tratamento, os pacientes mostraron un maior gasto enerxético e lograron perder un 5% de graxa, resultados especialmente relevantes xa que a redución de graxa contribúe a mellorar o seu perfil clínico, segundo explican os investigadores.

Deste xeito, o medicamento administrado a paciente obesos e con diabete tipo 2 dende 2009 non só regulan o desaxuste de glucosa senón que tamén adelgaza sen necesidade de alterar os hábitos alimenticios ou realizar exercicio físico. O artigo galardoado, ‘GLP-1 agonism stimulates brown adipose tissue thermogenesis and browning through hypothalamic AMPK’ está publicado na revista Diabetes, unha das máis prestixiosas dentro da área de endocrinoloxía e diabetes. Segundo a Web of Science, recibiu máis de 85 citas nos dous últimos anos e máis de 110 en Google Scholar.

Rubén Nogueiras
O director do grupo, Rubén Nogueiras, foi elixido o pasado ano como o mellor investigador novo en España na área de diabetes pola Fundación AstraZeneca e o Instituto de Saúde Carlos III, un ano despois de ter sido galardoado co Rising Star da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes. Ademais ten recibido diversos premios da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e da Asociación Europea para o Estudo da Obesidade. A súa traxectoria súmase tamén agora o Premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve, que recollerá o primeiro autor do artigo, Daniel Beioroa, nun acto no CiMUS o próximo mes de xullo.

Premio Fundación Esteve
Esta é a decimoquinta entrega do galardón, que este ano se concede ao mellor traballo de farmacoloxía publicado por un autor español nos últimos tres anos en calquera dos seus aspectos (deseño, síntese, desenvolvemento galénico, avaliación clínica ou de laboratorio, uso, ...). Os 55 artigos enviados ao longo desta convocatoria foron avaliados polo tribunal internacional composto por Fèlix Bosch (España), Rachel Tyndale (Canadá) e Xavier Guitart (Estados Unidos).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2017.