A Fundación EFE convoca a novena edición do certame de xornalismo ambiental para universitarios
Ser menor de 26 anos e estar matriculado en Ciencias da Información son os únicos requisitos para participar no IX certame de Novo Periodismo Ambiental Tetra Pak que convoca a Axencia EFE co fin de fomentar a especialización dos estudantes.
Nesta novena edición o premio convócase baixo a temática ‘Reducir o CO2: un reto posible’. Nas reportaxes presentadas antes do 6 de maio o xurado valorará especialmente o traballo de investigación xornalística para obter datos novidosos así como a orixinalidade no tratamento do tema. Os traballos, que deberán ser inéditos e escritos en castelán, terán unha extensión mínima dunha páxina e máxima de cinco.
O gañador recibirá unha bolsa de 10.000 euros para recibir formación práctica durante doce meses na sección de Ciencia e Medio Ambiente da Axencia EFE en Madrid e unha viaxe a Finlandia para coñecer os procesos forestais e a fabricación dos envases. Ademais, concederanse cinco accésits coa mesma viaxe.
O xurado, que emitirá o seu ditame o luns seguinte ao Día Mundial do Medio Ambiente, estará formado polo delegado xeral de EFE-Galicia, Arturo Larena; o director de Divulga, Ignacio Fernández; o xornalista Javier Rico; e, como secretario, o director de Comunicación e Medio Ambiente de Tetra Pak, Jaime Santafé.