Ir o contido principal

A Fundación Félix Rodríguez de la Fuente selecciona Granxafamiliar.com como un proxecto exemplar en Galicia

A Fundación Félix Rodríguez de la Fuente seleccionou a iniciativa Granxafamiliar.com da Universidade de Santiago como un “proxecto exemplar en Galicia”. Os seus responsables e os do grupo de investigación Gist. Idega participarán o vindeiro 15 de xullo nas xornadas ‘Medidas Agro-Ambientais en experiencias exemplares de conservación da biodiversidade e desenvolvemento rural en Red Natura 2000’ que se celebrarán no Parador de Turismo de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín (Ourense). Estas xornadas, que contan co apoio da Comisión Europea, pretenden aumentar o coñecemento dos agricultores e gandeiros, e doutros axentes implicados no desenvolvemento rural, sobre as posibilidades relacionadas coas Medidas Agroambientais da PAC e contribuír a mellorar os canais de comercialización para os produtos con “valor ambiental engadido”, entre outros obxectivos. No encontro, os responsables de Granxafamiliar.com terán a oportunidade de falar do seu proxecto e intercambiar opinións cos doutras experiencias exemplares galegas que, para a Fundación, “poñen de manifesto co seu compromiso que apostar pola biodiversidade é apostar polo futuro do mundo rural”. Así, presentarán tamén as súas iniciativas Biocoop-Verín, unha gandería ecolóxica de razas autóctonas galegas en perigo de extinción; a Escola Silvopastoril de Allariz (queixos O´Rexo); Queixo del Xurés; Bodegas Benito Santos; Casa Alongos; o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia e a Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2010.