A Fundación Rof Codina rende unha homenaxe a Pereira Espinel co descubrimento dunha placa neste hospital universitario
A Fundación Rof Codina rendeu unha homenaxe ao profesor José Luis Pereira Espinel, que ocupou o cargo de director veterinario deste hospital universitario entre o ano 1995 ata o seu falecemento, en 2006. O acto organizado consistiu no descubrimento dunha placa na súa honra no vestíbulo do centro.
No acto estiveron presentes os membros da xunta directiva da Fundación, tanto da actual como das anteriores. Así, entre os que se sumaron a esta homenaxe estiveron o reitor do campus, Senén Barro; o vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero; o alcalde, José López Orozco, e a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Bravo Moral. Tamén estiveron representantes dos equipos rectorais anteriores, como Darío Villanueva, e das administracións que forman parte do padroado. Destacou tamén a presenza da familia, que ocupou un lugar destacado nesta homenaxe. Pola súa banda, a conselleira de Educación e presidenta da Fundación, Laura Sánchez Piñón, non puido asistir finalmente por problemas de axenda.
No acto destacaron as palabras ofrecidas pola conselleira nunha carta, o reitor e o actual xerente do hospital, Luis Felipe de la Cruz Palomino, que lembraron o traballo desempregado por José Luis Pereira na consolidación deste hospital veterinario dentro do campus e da cidade “como verdadeiro impulsor cun traballo totalmente comprometido co centro e coa propia Facultade”.
José Luis Pereira Espinel obtivo a súa licenciatura en Veterinaria na Universidade de León no ano 1978 e foi distinguido como doutor nese mesmo centro en 1987, ano no que se incorpora á Universidade de Santiago de Compostela.
Na USC integrouse no Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias do Campus de Lugo como profesor da materias de Medicina e cirurxía clínica, Traumatoloxía e ortopedia veterinaria e Oftalmoloxía veterinaria. Traballou tamén no campo da investigación en cirurxía, oftalmoloxía, traumatoloxía, anestesioloxía e biomateriais. Ademais, dirixiu 6 teses de doutoramento e foi IP en máis de dez proxectos de investigación.