A Fundación USC asume a xestión directa do Servizo de Limpeza

A USC acaba de recuperar a xestión directa do Servizo de Limpeza coa finalidade de optimizar os procesos, así como favorecer a mobilidade e a flexibilidade dos e das traballadoras. Este modelo de xestión, a través da Fundación USC, botou a andar o mércores 1 de setembro con 209 persoas traballando no Campus de Santiago e 34, no de Lugo. O reitor Antonio López e o xerente Javier Ferreira, acompañados por Óscar Hermida, xerente da Fundación USC, visitaron a posta en funcionamento do novo modelo de xestión, “unha oportunidade para mellorar as cousas”, tal e como comentou o reitor na conversa mantida cos operarios e operarias que desenvolvían a súa actividade na Facultade de Dereito.
Pola súa parte, o xerente Javier Ferreira quixo subliñar “a plena colaboración coas empresas galegas do sector da limpeza que permitiron unha transición con plena normalidade”. Feito este no que tamén puxo o foco Óscar Hermida ao destacar a posta en marcha “sen incidencias” deste modelo que dá continuidade ao servizo.
Atención personalizada
O Servizo de Limpeza universitario atende unha superficie de aproximadamente medio millón de metros cadrados cun custe anual de 8 millóns de euros, con diferentes necesidades e particularidades dada a diversidade de servizos ofertados na USC. Ademais, a estimación inicial é que a medida poida ter un impacto positivo en termos económicos nos orzamentos da USC, cun aforro próximo ao 10% do custe do servizo. Neste senso, a universidade compostelá aproveitará as posibilidades das novas tecnoloxías neste eido coa utilización dunha aplicación específica sobre ocupación de espazos. O obxectivo será profundar na mellora do servizo, buscando unha atención personalizada ás necesidades de cada espazo en función da natureza das actividades que acolle.
A decisión conta cun informe previo dunha consultora especializada externa para estimar tanto a viabilidade da xestión directa do servizo, contemplada nos propios Estatutos da USC, como dos seus principais indicadores económicos. A medida foi negociada coas ata agora empresas concesionarias e coa representación sindical a quen o xerente da USC, Javier Ferreira, recoñece unha actitude exemplar en todo o proceso. Como paso previo á internalización do Servizo de Limpeza, o Consello de Goberno xa aprobou no mes de xullo a proposta de tarifas aplicables para a prestación deste servizo en edificios e locais dos campus de Santiago e Lugo.
Proceso aberto
Asemade, por acordo do Padroado da Fundación USC do 25 de agosto, acaba de convocarse un proceso de selección para a contratación dun xefe de servizo para a coordinación do servizo de limpeza de edificios e locais da USC. O prazo de presentación permanece aberto ata o día 9 de setembro.
