Ir o contido principal

A Fundación USC Deportiva e a estudante Susana Rodríguez Gacío recibiron os seus galardóns na gala de Premios do Deporte Galego 2013

A Fundación USC Deportiva e a estudante Susana Rodríguez Gacío recibiron este xoves os galardóns correspondentes á convocatoria dos Premios do Deporte Galego 2013. Mentres que Susana Rodríguez resultou premiada na categoría de mellor deportista feminina con discapacidade, a Fundación USC Deportiva recibiu o Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa. Esta é unha das citas anuais máis importantes da práctica deportiva en Galicia xunto coas distincións ao Mérito Deportivo. Con estes galardóns a Xunta de Galicia recoñece aqueles axentes que nos últimos doce meses destacaron de modo especial na súa contribución ao deporte na comunidade galega. O xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida, destacou a transcendencia do galardón que a entidade asume como “un recoñecemento ao traballo de todo un equipo humano feito durante varios anos a favor do deporte universitario, de adultos, da terceira idade, de nenos e nenas fomentando a actividade física saudable e hábitos de vida activa”. Como explica Óscar Hermida, dende a Fundación “intentamos transmitir unha serie de valores en todas aquelas actividades que levamos a cabo como son o traballo en equipo, colaboración, solidariedade, respecto polos demais e polo medio ambiente, tolerancia e tamén seguimos uns criterios de traballo coma a responsabilidade, coherencia, planificación e organización”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2014.