Ir o contido principal

A Fundación USC Deportiva, galardoada polo seu labor de fomento e promoción da actividade física e da vida activa

A Fundación USC Deportiva, galardoada polo seu labor de fomento e promoción da actividade física e da vida activa
A Fundación USC Deportiva, galardoada polo seu labor de fomento e promoción da actividade física e da vida activa
Os Premios do Deporte Galego 2013 tamén recoñeceron á triatleta e estudante de Medicina Susana Rodríguez Gacio

Os Premios do Deporte Galego 2013 acaban de recoñecer á Fundación USC Deportiva na categoría Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa. Con estes galardón a Xunta de Galicia recoñece aqueles axentes que nos últimos doce meses destacaron de modo especial na súa contribución ao deporte na comunidade galega. Nesta convocatoria tamén resultaron premiados, entre outros, a triatleta e estudante da Facultade de Medicina Susana Rodríguez Gacio, co Premio á mellor deportista feminina con discapacidade, a nadadora Beatriz Gómez Cortes, o triatleta Javier Gómez Noya, o atleta Maxi Rodríguez Magi, o CD Burela FS, Obradoiro CAB, a selección nacional junior de tenis, Seis do Nadal, o adestrador Carlos Gil, o árbitro Miguel Vicente Mariño, Radio Galega, o XXV Trofeo Miguelito, Frigoríficos do Morrazo, a nadadora María Vilas Vidal, o Concello de Porriño ou o CPI de Pontecesures, entre outros. O xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida, destacou a transcendencia do galardón que a entidade asume como “un recoñecemento ao traballo de todo un equipo humano feito durante varios anos a favor do deporte universitario, de adultos, da terceira idade, de nenos e nenas fomentando a actividade física saudable e hábitos de vida activa”. Como explica Óscar Hermida, dende a Fundación “intentamos transmitir unha serie de valores en todas aquelas actividades que levamos a cabo como son o traballo en equipo, colaboración, solidariedade, respecto polos demais e polo medio ambiente, tolerancia e tamén seguimos uns criterios de traballo coma a responsabilidade, coherencia, planificación e organización”. Esta é unha das citas anuais máis importantes da práctica deportiva en Galicia xunto coas distincións ao Mérito Deportivo. O acto de entrega celebrarase o próximo 20 de marzo nun acto na Cidade da Cultura que presidirá o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2014.