Ir o contido principal

A Fundación USC Deportiva organiza en Lugo un obradoiro de técnicas de relaxación e meditación como ferramentas de saúde

O Colexio Maior Rodríguez Cadarso de Compostela acollerá todos os mércores, do 12 de marzo ao 4 de xuño, a segunda edición deste programa

A Fundación USC Deportiva organiza no campus de Lugo un obradoiro de técnicas de relaxación e meditación como ferramentas de saúde. Esta actividade, desenvolvida en colaboración coa spin-off da USC Xuntos, Atención Psicológica y Psiquiátrica, é a primeira actuación promovida pola Fundación USC Deportiva en Lugo e encádrase no marco dun proceso de colaboración que están a desenvolver as dúas entidades desde comezos de 2013.

Este obradoiro de técnicas de relaxación e meditación como ferramentas de saúde está aberto a todas as persoas interesadas na temática e estrutúrase en dúas sesións presenciais, que se desenvolverán os días 26 de abril e 10 de maio, en quenda de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, na sala de actividades deportivas da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. Os contidos desta actividade, que será impartida por Patricia Otero Otero, de Xuntos, e Amancio Rial Bouza, da Fundación USC Deportiva, serán fundamentalmente de carácter práctico e resaltarán os múltiples beneficios para a saúde que reportan as técnicas de relaxación e meditación. Os monitores responsables de impartir este obradoiro, que se prolongará durante 12 horas repartidas en dúas sesións, incidirán en como as técnicas de relaxación e meditación contribúen á redución significativa do estres, á mellora da capacidade de concentración, atención e tamén das funcións respiratorias. O fortalecemento das relacións persoais, familiares e sociais, así como a sensación de benestar físico e psicolóxico son outros dos beneficios que comportan estas técnicas. A Fundación USC Deportiva e Xuntos manteñen aberto o prazo de inscrición para tomar parte neste obradoiro, que ofrece un máximo de 20 prazas. O custe da matrícula é de 150 euros por participante. As persoas interesadas poden inscribirse a través das páxinas webs www.fundacionuscdeportiva.org ou http://tinyurl.com/oamqtzr. Asemade, tamén se pode obter máis información a través dos números de teléfono 881 975 399 e 881 256 238, así como nos enderezos de correo electrónico contacto [at] fundacionuscdeportiva.org (contacto[at]fundacionuscdeportiva[dot]org) e xuntos [at] xuntospsicologia.com (xuntos[at]xuntospsicologia[dot]com). Obradoiro en Compostela A Fundación USC Deportiva e a spin-off da USC Xuntos, Atención Piscológica y Psiquiátrica comezarán a desenvolver este mércores no Colexio Maior Rodríguez Cadarso de Compostela a segunda edición deste obradoiro de técnicas de relaxación e meditación. O obradoiro desenvolverase neste caso ao longo de 12 sesións, organizadas para grupos de entre 8 e 15 participantes e que se celebrarán todos os mércores, de 17.00 a 18.00 horas, desde o 12 de marzo ata ao 4 de xuño. As clases serán impartidas neste caso pola doutora Elisabet Hermida, de Xuntos, e Amancio Rial, da Fundación USC Deportiva. Para máis información as persoas interesadas poden visitar a web www.fundacionuscdeportiva.org.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2014.