O futuro do sector lácteo, a análise nunha xornada que organiza o Idega
Baixo o título ‘O futuro do sector lácteo galego nun horizonte sen cotas’ o grupo de investigación ECOAGRASOC (Rede Revolta) do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia organiza este venres 5 un seminario no Salón de Plenos do Consello Económico e Social de Galicia (Algalia de Abaixo, 24). A xornada abrirase ás 9.00 horas nun acto no que participarán o director do Idega, Xoaquín Fernández Leiceaga; a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; e a presidenta do CES Galicia, Corina Porro. A continuación, o profesor do Departamento de Economía Aplicada Francisco Sineiro explicará a situación actual e os retos do sector lácteo galego ante a desaparición das cotas. A sesión continuará coa intervención do director xeral de FEIRACO, José Luis Antuña Álvarez, e do empresario e presidente da Asociación Galega Terra e Leite, Xosé Turnes Paredes, que analizarán o futuro da industria láctea en Galicia nun mercado liberalizado. A visión da administración ofreceraa a directora do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), Patricia Ulloa Alonso. Logo destes relatorios terá lugar unha mesa redonda final na que se debaterá sobre a desaparición das cotas e se tentará determinar que actuacións son prioritarias. Moderada polo profesor Edelmiro López Iglesias, participan José Ángel Burgo Rodil, da Consellaría do Medio Rural e do Mar; Pedro Ramos Fernández, da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia; Francisco Bello Bello, de Xóvenes Agricultores; Roberto García González, de Unións Agrarias; e Isabel Vilalba Seivane do Sindicato Labrego Galego. O peche corresponderalle ao presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez.