Ir o contido principal

O futuro do sector leiteiro en Galicia, a debate nunha xornada do Idega na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A xornada, que mantén aberta a inscrición, desenvolverase o 26 de febreiro e contará como relatores con representantes do eido da investigación, a produción e a industria

A análise da realidade presente e as perspectivas de futuro que lle agardan ao sector leiteiro en Galicia centrarán a temática da xornada de debate ‘O leite en Galicia, e agora que?’. Esta sesión de análise e debate promovida polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC desenvolverase o 26 de febreiro no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC e contará como relatores con destacados representantes dos eidos da investigación, da produción e tamén da industria, tanto daquelas empresas asentadas en Galicia como fóra da comunidade autónoma.

O sector leiteiro, tradicionalmente considerado como o motor da economía rural galega e da industria agroalimentaria de Galicia, atópase na actualidade fronte a un desafío que está a por en perigo o conxunto do sector e que deixa nunha situación de risco especial os produtores. Ante esta situación, que é motivo de preocupación para toda a sociedade, a USC quere facer a súa particular achega coa celebración da xornada ‘O leite en Galicia, e agora que?. Esta sesión, promovida polo Idega e na que tamén están representados os diferentes grupos de investigación universitarios vinculados coas cooperativas de produción e transformación, a nova industria leiteira e o instituto para o desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario da Administración autonómica, pretende en conxunto cos asistentes, achegar luz sobre cales deben ser as claves que debe seguir o sector leiteiro para saír de forma exitosa da actual encrucillada na que se atopa.

Estas xornadas monográficas sobre o presente e o futuro do sector leiteiro son de asistencia libre e gratuíta para todo o público. As persoas interesadas poden formalizar xa a súa inscrición en liña, e tamén atoparán máis información ao respecto na páxina web do Idega. Todos os asistentes recibirán un diploma acreditativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.02.2016.