Gala Lírica da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, coa asistencia do tenor Ricardo Jiménez

A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela reunirá este domingo 23 (Igrexa da Universidade, 19:30 horas) un elenco convidado para unha ocasión moi especial de dobre conmemoración xa que, por unha banda, se homenaxeará a Ricardo Jiménez, tenor pontevedrés de fonda traxectoria cun salto afamado na década dos 70, e, por outra, cúmprense 100 anos do pasamento do compositor compostelán Xosé Castro, máis coñecido polo alcume de Chané.
O tenor Ricardo Jiménez desprazarase aos seus 79 anos dende Madrid, lugar da súa residencia habitual, para presenciar esta Gala Lírica que reunirá cantantes de recoñecido prestixio como as sopranos Teresa Novoa e Susana de Lorenzo e o tenor Keke Resalt. Contarase tamén coa presenza de Eliza Anna Kisielinska e Manuel Pedreira, como soprano e tenor respectivamente, achegados a esta formación.
A Gala Lírica asumirá un repertorio novedoso para a Orquestra da USC, que dende o ano 2015 non conta coa participación de música vocal. Naquela ocasión fíxoo coa interpretación do Magnificat BWV 243 de J.S. Bach e o Gloria RV 589 de A. Vivaldi e a participación do Coro Gli Apassionati de Vigo dirixido pola soprano Nuria Lorenzo e acompañado polos solistas Carmen Subrido, Laura Guerrero, Juan Abalde, Alfonso Castro e a propia Nuria Lorenzo.
Este domingo o programa abranguerá un repertorio variado con zarzuela, ópera e pezas líricas para homenaxear a Ricardo Jiménez. Asemade, a música do propio mestre Castro Chané se encargará de facer honra igualmente ao noso compositor. O recital conta coa colaboración da Consellaría de Cultura e Educación, a través da secretaría Xeral de Cultura, e dos Amigos da Ópera de Santiago de Compostela.
Programa de man dixital
A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, con seis anos de vida, ofrecerá unha oportunidade non só de recoñecer e valorar máis se cabe a ambos os dous persoeiros senón tamén de continuar co proxecto educativo e cidadán que asume nesta andaina. Ademais, este concerto contará coa novidade do Programa de Man Dixital, onde a orquestra reunirá información engadida que pode ser consultada polo público asistente durante o transcurso do concerto desde os seus dispositivos móbiles.
Ricardo Jiménez
Nado en Pontevedra o 29 de outubro de 1937, aos 3 anos trasladouse a Madrid para iniciar os seus estudos nas Escolas Pías da capital. Os seus estudos de solfexo comezaron aos 12 anos no Real Conservatorio de Música e Declamación, e aos 17 iniciouse no estudo de canto con Carlota Dahmen ata os 23. Un tanto desilusionado pola pouca atención alí prestada decidiu abandonar os estudos e marchar a Alemaña, onde efectuou varios recitais con extraordinario éxito de prensa e público. Ao seu regreso reemprendeu os estudos musicais con Marimí del Pozo e en 1972 deuse a coñecer en España no programa-concurso televisivo ‘A gran ocasión’, que gañou. Inmediatamente Juan José Seoane, director da Compañía Lírica Isaac Albéniz ofreceulle un contacto como solista, para debutar en escena en 1973, en Puertollano, como ‘Jorge’ en Marina. Ese mesmo ano afrontou por vez primeira un papel operístico: o ‘Duque de Mantua’ en Rigolett.
Os éxitos dos primeiros anos, na maioría en teatros españois, fan que sexa reclamado polo teatro Madrileño da Zarzuela para debutar en 1978 con Dona Francisquita. Máis tarde, cantou en moitas producións deste teatro como primeiro tenor, e xa en 1981 participou na estrea absoluta de Fuenteovejuna, de Manuel Moreno Buendía.
Neses anos actuou ademais no Teatro Regio de Parma, no Monumental de Madrid e en diversos teatros americanos en Cuba, Venezuela, Panamá, Costa Rica, Ecuador, Santo Domingo e Colombia así como en París, Wiesbaden, Colonia ou Frankfurt.
Xosé Castro, Chané
Nado en Santiago de Compostela en 1856, Chané foi un músico instrumentista e virtuoso da guitarra e a cítara. Compositor e director do Orfeón Coruñés e máis tarde da Coral Polifónica El Eco coa que foi galardoado en Pontevedra, Madrid, Barcelona, Santander e París, foi catedrático de Belas Artes na Coruña, unha cátedra que foi suprimida e polo que emigra a Cuba en 1893.
Foi profesor de música do Centro Galego da Habana, do que sae en 1895. Na Habana participou en entidades galegas como a Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia ou a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, da que foi secretario, sendo con posterioridade académico electo da Real Academia Galega.
Regresaría á Coruña en 1907, sendo homenaxeado pola intelectualidade galega como Emilia Pardo Bazán, Ramón Armada Teixeiro, Manuel Lugrís Freire, José Martínez Fontenla ou Xoán Neira Cancela. Máis tarde regresaría á Habana, onde seguiu compoñendo e tocando ata a súa morte en xaneiro de 1917. Os seus restos foron trasladados á Coruña.
Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela
A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, no seus inicios Orquestra do Espazo de Cámara, nace co obxectivo de impulsar nos universitarios, e por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música.
O grupo que conforma a Orquestra, dirixida por Mario Diz, procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música.
Dende 2010 a Orquestra da Universidade afondou en proxectos tan ilusionantes como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento; o Concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior, interpretado por Carlos G. Amigo; o monográfico sobre Astor Piazzolla ou o monográfico sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Na tempada 2014-15 interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi.
En colaboración coa Aula de Teatro da USC realizan unha versión do musical Sweeney Todd de Stephen Sondheim. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto a Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas.
Incorporándose ao proxecto diversos profesores da Orquestra da Cidade, da Real Filharmonía de Galicia e relevantes do ámbito musical galego, a Orquestra da USC recentemente foi incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan formacións de máis de 28 nacionalidades.