Ir o contido principal

En galego, a calidade ten premio

Ábrese a convocatoria dos Premios á Calidade Lingüística para os traballos académicos, de fin de grao ou mestrado e os proxectos fin de carreira redactados este ano en lingua galega

Os traballos académicos, os Proxectos Fin de Carreira (PFC), os Traballos Fin de Grao (TFG) e os Traballos Fin de Mestrado (TFM) redactados en galego ao longo do presente curso poderán optar á undécima edición dos Premios á Calidade Lingüística que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da USC. Esta edición dos premios abrangue todas as titulacións da USC polo que á convocatoria poderán presentarse todo o estudantado de grao, enxeñaría ou mestrado da USC, sempre que o traballo estea elaborado en galego e teña sido cualificado, cando menos, de aprobado. Están previstos cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades. Os cinco mellores traballos académicos recibirán un premio metálico de 150 euros cada un, mentres que os PFC e TFG optarán a outros tantos premios de 300 euros cada un. Finalmente, os TFM gañadores recibirán un premio de 400 euros por cada grande área de coñecemento. En todos os casos, os gañadores e gañadores recibirán ademais un diploma acreditativo. Na valoración das propostas presentadas en concurso atenderase á presentación axeitada do traballo dende o punto de vista formal, particularmente no relativo á calidade da redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño e corrección lingüística e terminolóxica. No web, ademais das bases e de información específica, o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 160 000 entradas, así como un modelo de documento de TFG e TFM. Estes premios contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2015.