Ir o contido principal

O uso do galego na docencia mantén no ano académico 2022-2023 a tendencia estable dos últimos cursos

Por áreas de coñecemento, cómpre salientar o caso das Ciencias Sociais e Xurídicas onde a distribución entre galego e castelán é practicamente paritaria. FOTO: Santi Alvite
Por áreas de coñecemento, cómpre salientar o caso das Ciencias Sociais e Xurídicas onde a distribución entre galego e castelán é practicamente paritaria. FOTO: Santi Alvite
Por centros, destaca a Facultade de Ciencias da Comunicación que imparte no idioma propio da USC o 93,9% das clases
Lugo, Santiago de Compostela

O uso do galego na docencia ao longo do curso 2022-2023 na USC consolida a senda de estabilidade dos últimos anos académicos, manténdose a Universidade de Santiago de Compostela como a institución de ensino superior que máis usa o idioma galego no eido docente. Así o revela o informe que o Servizo de Normalización Lingüística realizou en base aos datos extraídos da aplicación que xestiona a planificación académica na USC e na que figura o idioma empregado polo profesorado en cada materia.

Deste xeito, os resultados do informe poñen de manifesto que a docencia en galego é maior nos mestrados (33%) que nos graos (22%), así como no Campus de Lugo con respecto ao de Santiago. De feito, nalgúns centros da institución universitaria, como é o caso da Facultade de Ciencias da Comunicación, a docencia en galego chega ao 93,9%. Sirva como referencia para os resultados recompilados na USC o último informe sobre o coñecemento e uso do galego, realizado polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que situaba no 15,78% a porcentaxe de mocidade maior de 17 anos que recibe as súas clases maioritariamente no idioma propio de Galicia.

Por áreas de coñecemento, cómpre salientar o caso das Ciencias Sociais e Xurídicas onde a distribución entre galego e castelán é practicamente paritaria no conxunto da docencia impartida, ou a de Artes e Humanidades onde o peso do galego se sitúa lixeiramente por debaixo. Por titulacións de grao, destacan, alén do grao en Lingua e Literatura Galegas, Xornalismo (98% en galego), Comunicación Audiovisual (97%), o programa de grao aberto USC Enxeñarías (92%), o grao de Enfermaría que se imparte no Campus de Lugo (91%), Educación Social (86%), Pedagoxía (86%), Mestre de Educación Infantil do Campus de Santiago (81%), Filosofía (71%), Mestre de Educación Primaria do Campus de Santiago (68%), Mestre de Educación Primaria do Campus de Lugo (67%), dobre grao en Mestre de Educación Infantil e en Mestre de Educación Primaria do Campus de Santiago (66%), Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (60%), Paisaxe (60%), Economía (59%), ou o grao en Mestre de Educación Infantil do Campus de Lugo (56%).

Accións de mellora

Tal e como apuntan dende a Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación, a USC vai seguir traballando na mellora progresiva dos datos a través de programas de acción formativa que interveñan naquelas áreas susceptibles de mellora como pode ser o caso de Ciencias da Saúde. O peso deste eido de coñecemento incide de xeito significativo nos resultados globais do informe xa que as titulacións desta área abranguen case o 40% das horas de docencia na USC.

Ademais, o informe destaca como en distintos centros de Lugo, como é o caso de Humanidades, o galego superou por primeira vez ao castelán como lingua da docencia dende que o Servizo de Normalización recolleu rexistros. Na Facultade de Matemáticas de Compostela, pola súa parte, o galego vén incrementando a súa presenza ata rozar xa unha porcentaxe tan relevante como o 40%. En suma, o informe subliña que a evolución do uso do galego na docencia é positiva malia que “a situación de estabilidade e a tendencia á suba que parece apuntarse debe ser consolidada e afortalada en cursos vindeiros”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2023.