Os gañadores da D3Mobile Metrolgy League visitan o Real Observatorio de Madrid e o Centro Español de Metroloxía

Os catro estudantes do IES A Sangriña, emprazado no concello pontevedrés de A Guarda, que, agrupados no equipo Tecnosang 4.2, se proclamaron campións da primeira edición da D3Mobile Metrology League, un campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Uscan3D en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, tiveron a ocasión de coñecer as instalacións do Real Observatorio de Madrid e do Centro Español de Metroloxía.
Os gañadores deste torneo pioneiro a nivel mundial, Alicia Pereira, Olaia Ferreira, Carlos Baz e Saúl Álvarez, xunto co profesor do IES A Sangriña de A Guarda Antonio Lomba, que foi o encargado de coordinar e supervisar o traballo que desenvolveron ao abeiro da D3Mobile Metrology League, tiveron a oportunidade coñecer estas instalacións científicas e tecnolóxicas emprazadas en Madrid logo de proclamarse vencedores dun campionato de modelado de precisión en 3D con teléfono móbil no que tomaron parte 1.126 estudantes de 4º curso da ESO e de Bacharelato de 136 centros educativos de toda España. Os membros do equipo gañador deste primeiro campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil tamén foron obsequiados con cadansúa tableta electrónica, un agasallo que recibiron no marco dun acto celebrado a finais do pasado mes de xuño nas instalacións do Real Observatorio de Madrid.
O director do Centro Nacional de Información Xeográfica, Sebastián Más Mayorar, e o director do Centro Español de Metroloxía, Fernando Ferrer Margalef, participaron na entrega dos premios aos gañadores da D3Mobile Metrology League, un acto no que tamén estiveron presentes un dirixente da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e Tomás de Andrés, en representación da Fundación Vodafone España. A coordinadora do grupo de investigación da Universidade de Santiago Uscan3D, Mariluz Gil Docampo, e o director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz, tamén arrouparon aos premiados nesta expedición de carácter científico.
Juan Ortiz e os catro estudantes do IES A Sangriña de A Guarda, no Real Observatorio de Madrid