Ir o contido principal

Gapavet, referente na formación de especialistas sobre o peixe cebra a nivel mundial

As persoas participantes poden aplicar os coñecementos adquiridos en contextos reais, tanto clínicos como de investigación.
As persoas participantes poden aplicar os coñecementos adquiridos en contextos reais, tanto clínicos como de investigación.
A actividade formativa que sobre este organismo, que ten unha notable homoloxía co xenoma humano, se imparte en Veterinaria, conta coa participación do profesor Michael Kent, da Oregon State University
Lugo

O peixe cebra (Danio rerio) conta cunha notable homoloxía co xenoma humano, feito que converte esta especie tropical de auga doce nun modelo indispensable para a investigación biomédica.  Por este motivo, a Facultade de Veterinaria afonda nas diferentes técnicas de seguimento e diagnóstico aplicadas ao seu estudo, garantindo así o seu benestar e optimizando os resultados das investigacións que dependen deste modelo biolóxico. A formación que neste eido imparte o grupo de investigación Anatomía Patolóxica Veterinaria (GAPAVET) contribúe á capacitación do persoal investigador, proporcionándolle os coñecementos e habilidades necesarios para a correcta manipulación e análise desta especie, fortalecendo así a calidade e rigor dos estudos científicos que a utilizan.

O curso ‘University Microcredential in Zebrafish Health & Management in Research’ é unha iniciativa “de gran valor tanto a nivel nacional como internacional, promovendo a adquisición de habilidades prácticas fundamentais”, explican Ana Manuela De Azevedo Gomes e Roberto Bermúdez Pose, responsables desta acción formativa que sitúa Veterinaria como referente internacional na formación arredor do peixe cebra. Desde a administración de anestesia e eutanasia ata a observación clínica e a correcta toma de mostras, esta acción permite ás persoas participantes aplicar estes coñecementos en contextos reais, tanto clínicos como de investigación.

Sinerxías mundiais

O curso destaca pola participación dun dos máis reputados expertos en patoloxía do peixe cebra a nivel mundial, Michael Kent, investigador do departamento de Microbioloxía e Ciencias Biomédicas da Oregon State University. O profesor Kent conta cunha ampla experiencia en saúde e patoloxía do peixe cebra en instalacións de investigación e mantén unha colaboración estreita co Centro Internacional de Recursos do Peixe Cebra (ZIRC), unha das maiores instalacións especializadas nesta especie no seu país.

A organización e a docencia práctica recaeron no profesorado do grupo de investigación Gapavet, especializado en benestar animal e saúde de animais acuáticos, pertencente ao Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da Facultade de Veterinaria. Este curso conta coa participación de estudantado de diferentes partes de España e do Reino Unido e insírese dentro da estratexia de internacionalización do grupo. Coa realización desta actividade o equipo de traballo reforza o seu compromiso coa formación global e coa colaboración con especialistas de referencia a nivel mundial, fortalecendo as redes de investigación. O curso está tamén cofinanciado pola Deputación Provincial de Lugo, contribuíndo a situar a Provincia de Lugo como un referente dentro do panorama académico internacional no ámbito da investigación biomédica. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2025.