Ir o contido principal

Germán Santamarina, novo decano da Facultade de Veterinaria de Lugo

Germán Santamarina será o novo decano da Facultade de Veterinaria de Lugo en substitución de Ana María Bravo del Moral, no cargo durante os últimos oito anos
Germán Santamarina será o novo decano da Facultade de Veterinaria de Lugo en substitución de Ana María Bravo del Moral, no cargo durante os últimos oito anos
Será a primeira vez que dirixa o centro un veterinario formado no campus lucense

Germán Santamarina Pernas resultou elixido novo decano da Facultade de Veterinaria de Lugo logo de que a súa candidatura, a única presentada, recibira a apoio de 63 dos 74 participantes na votación. Santamarina, lucense de 46 anos, pertence á primeira promoción de alumnos da Facultade de Veterinaria de Lugo, na que se licenciou con premio extraordinario. Desde entón, toda a súa traxectoria académica estivo vinculada a este centro (dentro da área de Patoloxía Médica), onde será o primeiro decano formado nas súas propias aulas. “O feito de que un antigo alumno ocupe o cargo de maior responsabilidade non deixa de ser un paso máis cara á consolidación desta facultade, e malia que xa moitos dos docentes actuais recibiron a súa formación aquí, en certo modo péchase un ciclo cara á maioría de idade do centro”, sinala Santamarina. As principais liñas de traballo coas que chega o novo equipo directivo céntranse principalmente en culminar a implantación do grao da titulación, “algo que non ten por que resultar un atranco, xa que máis ben é unha oportunidade para facer os axustes necesarios e seguir mellorando a nosa oferta formativa e investigadora”, asegura Santamarina. Tamén o mantemento da acreditación comunitaria outorgada pola European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) será unha das prioridades de cara ao futuro. Do equipo de dirección do novo decano forman parte outros docentes formados tamén na Facultade de Veterinaria de Lugo. Germán Santamarina ocupará o cargo ata agora desenvolvido por Ana María Bravo del Moral, responsable do centro desde o ano 2004.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2012.