Ir o contido principal

Germán Santamarina toma posesión como decano da Facultade de Veterinaria de Lugo

O novo equipo decanal da Facultade de Veterinaria, dirixido por Germán Santamarina (terceiro pola dereita) acompañado do reitor da USC, Juan Casares (terceiro pola esquerda)
O novo equipo decanal da Facultade de Veterinaria, dirixido por Germán Santamarina (terceiro pola dereita) acompañado do reitor da USC, Juan Casares (terceiro pola esquerda)
O novo equipo de goberno chega co obxectivo de manter o lugar de excelencia do que o centro goza actualmente e de consolidar a implantación do título de grao

A Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo acolleu a cerimonia de toma de posesión do novo decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina Pernas, que resultou elixido o pasado mes de maio ao recibir 63 dos 74 votos emitidos, en substitución de Ana María Bravo del Moral, responsable do centro desde o ano 2004. Na súa intervención, Santamarina agradeceu o labor desenvolvido polos seus predecesores no cargo, especialmente a decana saínte, Ana Bravo del Moral, quen ocupou o cargo os últimos oito anos. O novo decano fixo tamén un percorrido pola historia do centro desde a súa posta en marcha no Campus de Lugo en 1984, facendo tamén unha referencia á antiga Escola Especial de Veterinaria de Santiago, precursora da actual Facultade, e que se instalou no pazo do Hórreo de Santiago, actual sede do Parlamento galego, entre 1882 e 1924. No seu discurso de réplica, o reitor da USC agradeceulles a Santamarina e mais o seu equipo “ o compromiso que demostran ao asumir a responsabilidade destes cargos”, e fixo extensivo este agradecemento ao equipo que dirixiu o centro desde 2004 ata este ano. Juan Casares salientou a “ frutífera traxectoria” da Facultade de Veterinaria de Lugo, “malia a súa breve vida, que non acada aínda os trinta anos”, e fixo fincapé no potencial investigador do centro, “no que traballan 29 equipos científicos que son en moitos casos referencia nacional e internacional nas súas respectivas áreas”. Casares lembrou tamén “a importancia dun hospital veterinario, Rof Codina, sen o que esta facultade non se entendería”, e comprometeuse a apoiar ao novo equipo de goberno na consecución dos seus obxectivos para os próximos catro anos. Alumno da primeira promoción Santamarina, lucense de 46 anos, pertence á primeira promoción de alumnos da Facultade de Veterinaria de Lugo, na que se licenciou con premio extraordinario. Desde entón, toda a súa traxectoria académica estivo vinculada a este centro (dentro da área de Patoloxía Médica), onde se converte no primeiro decano formado nas súas propias aulas. “O feito de que un antigo alumno ocupe o cargo de maior responsabilidade non deixa de ser un paso máis cara á consolidación desta facultade, e malia que xa moitos dos docentes actuais recibiron a súa formación aquí, en certo modo péchase un ciclo cara á maioría de idade do centro”, sinalou Santamarina. As principais liñas de traballo coas que chega o novo equipo directivo céntranse principalmente en culminar a implantación do grao da titulación, “algo que non ten por que resultar un atranco, xa que máis ben é unha oportunidade para facer os axustes necesarios e seguir mellorando a nosa oferta formativa e investigadora”, asegura Santamarina. Tamén o mantemento da acreditación comunitaria outorgada pola European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) será unha das prioridades de cara ao futuro, nun centro que é referencia internacional no seu sector. O novo equipo do goberno do centro está composto, ademais de polo novo decano, por Izaskun Ibarguren Ariceta (vicedecana de Ordenación Académica e Estudantes), Patricia Fernández de Trocóniz Revuelta (vicedecana de Relacións Exteriores e Economía), Marta Miranda Castañón (vicedecana de Prácticas Externas e Calidade) e José María Alonso Meijide (secretario). Saúdo entre Juan Casares e Germán Santamarina logo do xuramento do cargo por parte do novo decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo Germán Santamarina, durante a lectura do seu discurso de toma de posesión, ante o reitor da USC, Juan Casares, e a secretaria xeral da institución, Lourdes Noya Ferreiro

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2012.