Germán Santamarina toma posesión como decano da Facultade de Veterinaria de Lugo
O novo responsable foi elixido en maio pasado con 63 dos 74 votos emitidos, e é o primeiro decano do centro formado nas súas aulas
O martes 11, a partir das 13.00 horas, terá lugar na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo a cerimonia de toma de posesión do novo decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina Pernas, que resultou elixido o pasado mes de maio ao recibir 63 dos 74 votos emitidos, en substitución de Ana María Bravo del Moral, responsable do centro desde o ano 2004. Santamarina, lucense de 46 anos, pertence á primeira promoción de alumnos da Facultade de Veterinaria de Lugo, na que se licenciou con premio extraordinario. Desde entón, toda a súa traxectoria académica estivo vinculada a este centro (dentro da área de Patoloxía Médica), onde se converteu o primeiro decano formado nas súas propias aulas.