Ir o contido principal

O Gist Idega organiza en Santiago a 5ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información

A 5ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (CISTI 2010) terá lugar no Hotel Congreso de Santiago de Compostela entre o 16 e o 19 de xuño. Nesta reunión técnica-científica preséntanse e discútense anualmente as innovacións, experiencias e coñecementos no campo dos sistemas e tecnoloxías da información.
O encontro deste ano está organizado polo grupo de investigación Sociedade, Tecnoloxías e Territorio do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Gist-Idega) da USC, en colaboración coa Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías de Información da que son socios as Universidades Fernando Pessoa, de Vigo, de Estremadura, Politécnica de Madrid, de Trás-os-Montes e Alto Douro e Tecnolóxica Nacional de Arxentina, ademais da Facultade de Enxeñaría da Universidade de Oporto, o ISEGI da Universidade Nova de Lisboa e o Instituto Politécnico de Cávado e Ave.
As datas para presentar comunicacións e traballos están próximas ao peche pero os datos de inscrición e participación están sendo xa moi satisfactorios, destacando unha alta participación dende Portugal e moi significativa dende Latinoamérica e o resto de España.
Nesta ocasión, e sen ser ámbitos de traballo estritamente pechados, propóñense bloques temáticos organizados en Modelos organizacionais e sistemas de información; Xestión de coñecemento e sistemas de apoio á decisión; Sistemas, arquitecturas, aplicacións e ferramentas de software; Redes de computadores, mobilidade e sistemas ubicuos; Informática centrada no usuario; Informática na saúde; e Tecnoloxía da información na educación

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2010.