O goberno na universidade, a debate no ciclo ‘Encontros de Lúa Chea’ este martes na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, celebra este martes 25 de setembro, a partir das 20.00 horas, a primeira sesión do novo curso académico, un debate informal que se desenvolverá na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, baixo o título ‘Como se goberna na universidade?’ A entrada é libre e de balde para todo o público interesado.
A elección da temática desta primeira sesión de debate informal programada no marco dos Encontros de Lúa Chea responde un pouco á conxuntura actual da USC, na que o comezo do novo curso académico coincide cun novo equipo reitoral que dá os seus primeiros pasos no goberno da USC.
O colectivo Proxéctate en Galego entende que este momento é acaído para falar sobre as estruturas de goberno da USC, sobre as funcións que cada unha delas ten encomendadas na lexislación, e sobre a importancia de que toda a comunidade universitaria participe activamente nesas estruturas.
Os relatores encargados de afondar sobre a cuestión do goberno da universidade neste foro aberto de debate serán Antonio Pérez Casas, representante do persoal de administración e servizos no Consello de Goberno; Adriana Conde, representante do alumnado na Xunta de Escola da EPS de Enxeñaría, e Ana Isabel García Arias, representante do persoal docente no Claustro Universitario.