Ir o contido principal

O goberno da USC apoia, de xeito incondicional, o acordo marco acadado entre decanato, departamentos e delegadas e delegados do alumnado da Facultade de Medicina

A xuntanza, presidida polo reitor, celebrouse na Reitoría compostelá. Foto: Santi Alvite
A xuntanza, presidida polo reitor, celebrouse na Reitoría compostelá. Foto: Santi Alvite
Na vindeira semana o equipo de goberno contactará cos representantes do movemento estudantil mobilizado en diferentes centros para abrir novos espazos de diálogo
Santiago de Compostela

O reitor, membros do equipo de goberno, equipo decanal da Facultade de Medicina, directores de departamento e delegadas e delegados do movemento estudantil do centro mantiveron esta tarde un encontro para analizar e ratificar, de xeito conxunto, o documento de acordos acadados polas partes en días previos que ten como obxectivo devolver a normalidade ao centro e á actividade docente. Froito deste proceso de diálogo os representantes do alumnado acordaron desconvocar a folga.

Neste contexto, e co obxectivo de crear novos espazos de diálogo coa comunidade universitaria e poder participar doutros xa creados, o equipo de goberno iniciará unha rolda de contactos cos representantes do movemento estudantil. Os encontros servirán para tratar, entre outros temas, os efectos da implantación do Plan Bolonia nos distintos sectores da comunidade universitaria e tratar de corrixir os problemas a que poidan estar dando lugar.

Tamén se fará partícipe á comunidade universitaria das dificultades orzamentarias que atravesa a USC e que provocan, en boa medida, parte dos problemas detectados e trasladados polo movemento estudantil en relación, por exemplo, ás infraestruturas.

O reitor quere destacar o bo facer do equipo decanal, encabezado por Julián Álvarez Escudero, así coma dos directores dos diferentes departamentos que imparten docencia na Facultade de Medicina á hora de buscar e atopar solucións ás problemáticas detectadas e visibilizadas polos alumnos do centro.

Do mesmo xeito, o reitor agradece o compromiso evidenciado polo movemento estudantil para coa calidade da docencia que reciben así coma para coa proposta de vías que contribúen á mellora do funcionamento do centro. O respecto e sensatez co que organizaron as protestas así coma a cordialidade da súa execución non fixeron máis ca lexitimalas contribuíndo, de xeito directo, á construción do espazo democrático do que a universidade debe ser exemplo e garante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.