O Goberno da USC suma o apoio do Consello Social para avanzar cara a unha institución máis áxil e eficiente

O Consello Social da USC apoia as medidas xa aprobadas polo equipo de goberno do reitor Antonio López Díaz para avanzar nunha estrutura universitaria máis áxil, eficiente e de maior cualificación, tanto nos seus cadros de persoal, como nos ámbitos da docencia e da investigación, logo dunha sesión plenaria desenvolvida este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. O órgano universitario presidido por Cecilia Sierra Rey aproveitou esta cita para presentar o seu plan de actividades para o período 2020-2023 orientado a dar a coñecer á sociedade os logros acadados pola USC en materia de I+D e a súa realidade socioeconómica, ademais de favorecer a inserción laboral de estudantes graduados e potenciar as ligazóns co ex alumnado.
A aposta do Goberno da USC por minorar o impacto económico da pandemia asociada á COVID-19 no seu cadro de persoal, xa a través da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Persoal de Administración e Servizos (PAS) xa coa Oferta de Emprego Público (OEP) deste colectivo para 2020, que contempla un total de 213 prazas entre as de nova creación, postos adicionais de estabilización, consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza e unha oferta específica de promoción interna independente, tamén mereceu a aprobación do Consello Social da USC. O pleno tamén amosou o seu respaldo á revisión da clasificación profesional e das condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación, a través da implantación da carreira investigadora, ao entender que esta vía abre novas vías tanto para a promoción de persoal como para captación de talento.
O trámite da aprobación da conta anual da USC de 2019, así como das memorias dos novos títulos de grao, máster e de titulacións simultáneas que se impartirán na USC no curso 2020-21 foron outras das cuestións abordadas na primeira sesión plenaria que o Consello Social da USC celebra en Lugo durante o mandato de Antonio López. O pleno serviu tamén para tratar outras cuestións de organización académica, ademais de para validar as tarifas fixadas para o curso académico 2020-21, o prezo dos estudos propios ofertados pola USC e mesmo a memoria do futuro grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira, unha nova titulación impulsada conxuntamente co Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) que comezará a impartirse no ano académico 2021-2022.
A última sesión plenaria do Consello Social da USC acordou tamén o nomeamento da súa presidenta, Cecilia Sierra Rey, como representante deste órgano universitario no Instituto de Estudos e Desenvolvemento Galicia (Idega). A supervisión doutros asuntos de trámite, tales como convenios e modificacións orzamentarias completaron a orde do día do pleno.
Visita á Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias
A secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, acompañada da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra Rey, e de Marta Villamayor, en calidade de secretaria deste órgano universitario, visitaron este xoves as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus de Lugo, onde foron recibidas pola adxunta á Vicerreitoría de Coordinación para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, ademais doutro persoal e técnicos da Aula de Produtos Lácteos.
A visita a esta plataforma científica e tecnolóxica do Campus de Lugo da USC encádrase no marco do plan de actuacións proxectadas polo Consello Social para contribuír á difusión dos activos, potencialidades e servizos que ofrece a USC entre a sociedade e, nomeadamente, entre o tecido empresarial, ademais e para promover accións de mecenado e proxectos de I+D+i conxuntos entre as empresas e a USC.
Daquela, Sierra Rey, tivo a ocasión de coñecer de primeira man a planta piloto que acubilla a APLTA, así como algúns dos proxectos de investigación que está a desenvolver este centro da USC en colaboración con empresas e entidades públicas tanto galegos como do ámbito nacional. Alén do seu cometido no eido da I+D+i, a visita da presidenta do Consello Social da USC tamén serviu para poñer en valor o amplo abano de servizos que a Aula de Produtos Lácteos da USC ten a disposición do tecido empresarial e produtivo, así como das administracións potencialmente interesadas.



