Ir o contido principal

Graduación da primeira promoción do Máster Oficial en Educación, Xénero e Igualdade

A primeira promoción do Máster Oficial en Educación, Xénero e Igualdade celebra este venres 12 o seu acto de graduación nunha sesión que se desenvolverá a partir das 19:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. No acto, presidido pola vicerreitora de Calidade e Planificación Mª Dolores Álvarez Pérez, participarán ademais a directora do Centro Interdisciplinario de Investigación Feminista e de Estudos de Xénero (CIFEX) e madriña da promoción, Rita Radl; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; e a coordinadora do acto, a profesora Begoña Gómez.
Este máster, cuxos estudos comezaron en 2007, foi o primeiro curso de posgrao sobre as relacións entre xénero, educación e igualdade nunha universidade galega, xa que como tal fora aprobado como titulo propio pola USC en maio de 1999, sendo xa naquel momento o único posgrao sobre a temática do xénero no contorno sociocultural galego.
A problemática de xénero vai institucionalizándose paulatinamente nos estudos universitarios de todo o mundo mediante cursos e materias específicas a partir dos anos 80 e dende a metade dos anos 90 comezan a existir xa itinerarios científicos e traxectorias científicas específicas no contexto da Socioloxía, Pedagoxía, Historia e Ciencia Política na Universidade de Frankfurt e na New School of Social Research en New York, por citar dous casos.
Na USC, a primeira e única materia sobre as relacións e roles de xénero foi ata o curso 2000-2001 a de ‘Identidade de xénero e educación’(con máis de 130 alumnas/os por curso). A partir dese curso implantáronse tres materias específicas máis sobre ‘Socioloxía dos roles de Xénero’ na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
Segundo indicou a súa coordinadora o presente máster foi o resultado dun longo labor académico e investigador nun tema que “se intúe fundamental para o labor educativo no momento actual, aínda que en absoluto podemos pensar que o proceso de institucionalización deste coñecemento permanecerá xa por dereito propio para sempre”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2009.