Unha graduada da Universidade de Santiago, galardoada nos III Premios MIR da Fundación Uniteco Profesional

A ex alumna de Medicina da Universidade de Santiago Laura Rodríguez Sotelo foi galardoada nos III Premios MIR celebrados pola Fundación Uniteco Profesional que recoñecen os e as médicos que obtiveron os 50 mellores postos no exame nacional de acceso ás especialidades médicas (MIR). Rodríguez Sotelo, que conseguiu o décimo terceiro posto entre as máis de 12.000 persoas que se presentaron ao exame, especializarase en Cardioloxía no Hospital La Paz de Madrid. Xunto a ela, entre os 50 galardoados hai graduados e graduadas en Medicina de 24 universidades diferentes. Nesta convocatoria ofertábanse algo máis de 6.000 prazas en hospitais e centros de saúde públicos de toda España. Os Premios á Excelencia MIR están organizados pola Fundación Uniteco Profesional, creada pola correduría de seguros homónima especializada na xestión de riscos para médicos.