O Grao en Lingua e Literatura españolas que ofertará Humanidades de Lugo contará cun enfoque máis práctico
O Grao en Lingua e Literatura españolas, que a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo comezará a ofertar a partir do curso 2009-2010 dentro da oferta de estudos filolóxicos da USC, contará cun sistema de docencia enfocado cara á práctica, na que as sesións dedicadas a actividades de interacción entre alumno e docente chegarán ata o 50 por cento das horas presenciais en aula.
Así o explicou o decano de Humanidades, Alexandre Veiga, este xoves 2 en rolda de prensa. Este grao, contou, “participa de moitas das vantaxes que para o alumno representa o novo sistema de ensino universitario”.
O grao, estruturado en catro cursos académicos, contará con dous grupos de docencia en dous centros distintos dos dous campus, a Facultade de Humanidades de Lugo e a de Filoloxía de Santiago de Compostela.
Espazo Europeo de Educación SuperiorO Grao en Lingua e Literatura españolas supón a evolución e a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) da actual licenciatura en Filoloxía hispánica.
Mantén unha base de contidos semellantes aos da licenciatura actual, pero cunha estrutura máis flexible, que permite ao alumno complementar a súa formación básica no estudo rigoroso e científico da lingua española e da literatura española e hispanoamericana, coa posibilidade de acadar niveis de formación importantes noutras linguas ou en enfoques metodolóxicos transversais.