O grao en Química recibe o Selo Internacional de Calidade EUROLABEL

O selo internacional de calidade EUROLABEL, concedido pola Asociación da Rede Temática Europea desta disciplina (ECTN), coa colaboración da axencia española de acreditación ANECA, a Real Sociedade Española de Química e a Conferencia Española de Decanos de Química (CEDQ), xa está en poder do Grao en Química da USC. Con este certificado, a Facultade acredita o seu compromiso en materia de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade no seu eido de actuación.
Ao acto de entrega deste recoñecemento, que tivo lugar en Madrid o día 15 de xullo, asistiron o decano do centro, Jesús Sanmartín Matalobos, e a coordinadora de Calidade da Facultade, Mercedes Parajó Montes. Este recoñecemento apoia a excelencia da titulación, a adecuación dos seus plans de estudo e a calidade na formación de futuros e futuras profesionais da química baixo criterios internacionais, fortalecendo a empregabilidade e a competitividade dos seus estudantes egresados.
Para a obtención do selo, un panel de especialistas realizou unha visita virtual ao centro, percorrido que se sumou á análise da autoavaliación presentado pola Universidade, e o estudo das evidencias, e outra documentación asociada ao programa obxecto de estudo.
