Ir o contido principal

O grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos de Lugo integrarase nun centro propio da USC a partir do curso 26/27

De esquerda a dereita, Jaime Luis López Vázquez, José Tomé Roca, Antonio López Díaz e María José López Couso
De esquerda a dereita, Jaime Luis López Vázquez, José Tomé Roca, Antonio López Díaz e María José López Couso
O reitor Antonio López Díaz e o presidente da Fundación Campus Universitario de Lugo, Jaime Luis López Vázquez, selaron un protocolo para garantir a continuidade da titulación no Campus de Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

Un grupo mixto traballará para levar a cabo a integración na Facultade de Relacións Laborais da USC dos estudos de Relacións Laborais e Recursos Humanos que se imparten no Campus de Lugo, ata o de agora impartidos nun centro adscrito. Así o establece o protocolo de actuación entre a Fundación Campus Universitario de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, asinado este martes 15, co que se pretende dar o primeiro paso para integrar estes estudos nun centro propio da USC, a Facultade de Relacións Laborais. O reitor Antonio López Díaz e o presidente da Fundación, Jaime Luis López Vázquez, xunto ao presidente da Deputación Provincial, José Tomé Roca, e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, selaron o acordo nun acto que se desenvolveu na Sala de Xuntas da Deputación lucense.

A  primeira titulación impartida co pulo da Fundación Campus Universitario de Lugo foi a hoxe extinguida Diplomatura en Relacións Laborais. Xa no curso 2009-2010, coa integración no sistema do Espazo Europeo de Educación Superior, comezou a impartirse o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. Estas titulacións son parte da historia da Escola de Relacións Laborais de Lugo, adscrita á Universidade de Santiago de Compostela dende o 5 de xuño de 1995.

Agora, ambas as entidades, USC e Fundación, concordan que a mellor solución para manter esta oferta formativa e asegurar a calidade da docencia, é que os estudos do Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos en Lugo sexan impartidos por un centro propio da USC. Deste xeito, tal e como explicou o reitor Antonio López Díaz, “as persoas matriculadas poderán beneficiarse dos dereitos recoñecidos ao estudantado da USC e, particularmente, das bonificacións de matrícula previstas para os estudos en centros propios da Universidade de Santiago de Compostela”. Ademais, destacou o reitor, este acordo favorece os procesos de reacreditación do título.

Convenios específicos

O grupo de traballo mixto que agora bota a andar desenvolverá os convenios específicos que sexan precisos para acometer a integración. “A efectividade da integración farase coincidir coa implantación do novo Plan de Estudos do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos que agora se está a tramitar e que se prevé para o inicio do curso  2026/2027”, explicou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso.

A partir da sinatura deste protocolo, a USC e a Fundación comprométense a traballar conxuntamente para garantir unha integración ordenada e respectuosa coa situación profesional do persoal docente e o persoal administrativo que actualmente presta servizos na Escola de Relacións Laborais. Esta integración realizarase, no seu caso e sempre de acordo coa normativa vixente, dentro das figuras previstas pola Universidade no momento en que se faga efectiva a incorporación do título, establecendo, de ser necesario, períodos transitorios adecuados para aquel persoal que requira tempo adicional para cumprir cos novos requisitos, especialmente os relacionados coas acreditacións, sen que isto implique en ningún caso un empeoramento das súas condicións laborais actuais.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2025.