Ir o contido principal

O GreenMetric Ranking of World Universities 2015 destaca a USC entre as universidades máis comprometidas co medio ambiente

Vista xeral de Campus Vida
Vista xeral de Campus Vida
Dos seis criterios analizados, a de Santiago atópase entre as máis destacadas do mundo en tratamento de residuos e introdución de cuestións medioambientais no proceso docente

Concibido como a “primeira e única clasificación que mide o compromiso de cada universidade participante no desenvolvemento dunha infraestrutura amigable co medio ambiente”, o UI GreenMetric Ranking of World Universities 2015 sinala a USC como a 210 do mundo e no posto 14 de entre as 22 españolas presentes. En total, esta clasificación mide o compromiso medioambiental de 407 universidades de 65 países.

Este ano, á metodoloxía para avaliar cada Universidade engadiuse a pegada de Carbono, elemento que complementa a información procedente dos seis criterios de análise, entre os que o de maior valor é o relativo á xestión do uso da enerxía e cambio climático (21% da nota final), seguido polas actividades de tratamento e reciclaxe de residuos (18%), políticas de transporte e emisións á atmosfera (18%), presenza da cuestión ambiental na actividade docente (18%), estatísticas sobre axustes e infraestruturas (15% da nota total) e utilización da auga (10 % ).

Dos seis criterios sometidos a análise, a Universidade de Santiago obtén os seus mellores resultados en tratamento de residuos, no posto 110 das 407 universidade, e na introdución do concepto medioambiental no proceso educativo, no posto 123, así como en infraestruturas, 187 de entre as 407. A USC comparte posicións destacadas xunto coas universidades Autónoma de Barcelona, Alcalá, Autónoma de Madrid, Politécnica de Valencia, Oviedo, Jaume I, Barcelona, Zaragoza, Rei Juan Carlos, Valencia, Castela A Mancha, Salamanca e Vic. Completan a relación de institucións españolas as universidades de Granada, Miguel Hernández, As Palmas de Gran Canaria, Rovira i Virgili, Valladolid, La Laguna, Jaén e Illes Balears.

O equipo encargado da clasificación selecciona criterios que xeralmente están considerados como de importancia para as universidades no ámbito da sustentabilidade. Así, inclúen información relativa ao tamaño da institución, zona de influencia e emprazamento, para deste xeito ter unha referencia do grao de espazos verdes asociados ás instalacións universitarias. Tamén se presta atención ao consumo eléctrico, sistemas de transporte, uso da auga, tratamento de residuos. Máis alá deste conxunto de indicadores, o ránking pretende “alcanzar unha imaxe sobre cómo cada universidade está respondendo ou facendo fronte á súa sustentabilidade a través de políticas, accións e comunicación”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2016.