Un grupo de alumnos de Secundaria investigan en laboratorios do Campus de Lugo dentro do programa INITIA
Un grupo de alumnos de ESO e Bacharelato de catro Institutos de Lugo comezaron a realizar as súas prácticas no campo da investigación no Campus lugués gracias ao programa INITIA, posto en marcha pola USC, a Consellaría de Educación e a Sección Ibérica de Sigma Xi, The Scientific Research Society.
O programa preséntano no edificio CACTUS de Lugo, ás 17:00 horas, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino; o delegado provincial da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, Luis Manuel Álvarez Martínez, e o presidente da Sección Ibérica de Sigma Xi e coodinador do programa, Urbano Fra. Estarán presentes neste acto persoal docente e investigador da Universidade e tamén dos centros de ensino.
INITIA naceu como unha proposta do presidente da Sección Ibérica de Sigma Xi, The Scientific Research Society ás outras dúas entidades para iniciar aos alumnos de ensino medio na actividade investigadora. Tras a firma do protocolo, este ciclo iniciouse durante este curso escolar co obxectivo de darlles a coñecer o proceso da investigación científica, interesalos pola ciencia e a tecnoloxía, e amosarlles as instalacións e a infraestrutura do Campus lugués.
Nove profesores da USC ofertaron as actividades de investigación para realizar no Campus tutelando aos alumnos na realización das mesmas. Os centros implicados son as Escolas Politécnica Superior e de Formación do Profesorado e as Facultade de Ciencias e Veterinaria.
Os alumnos participantes pertencen aos niveis de cuarto de ESO e dos dous cursos de BAC dos IES Anxel Fole, A Piringalla, Politécnico e Lucus Augusti. Os participantes seleccionaron as actividades preferidas dentro da oferta existente e comezaron a realizar a actividade investigadora no mes de febreiro para rematar en xuño.
Cada actividade ten un programa propio de investigación de modo que periodicamente os alumnos asisten aos laboratorios para traballar cos investigadores na realización das distintas tarefas.