Ir o contido principal

O grupo artístico compostelán Artekille presenta este xoves a curtametraxe ‘Memento Mori’ na Casa do Saber

Cartaz anunciador da curta
Cartaz anunciador da curta
A proxección, que estará seguida dun coloquio coa directora e cunha das actrices, desenvolverase a partir das 19.30 horas. A entrada é de balde ata completar aforo

O grupo artístico compostelán Artekille presentará este xoves, a partir das 19.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a curtametraxe ‘Memento Mori’, unha produción propia que narra a historia dun químico de finais do XIX que teima en atopar unha cura para a súa muller moribunda. Ante a dificultade de resolver o problema pensa na posibilidade de deter o tempo. Cando consigue probar os seus logros as cousas resultan ser diferentes do que el tiña planeado.

A guionista e directora desta curta, Marisa Otero, e a traballadora da USC Fina Guitián, que forma parte do elenco de actores que traballa neste obra, serán as persoas encargadas de presentar esta curta. Trala proxección da mesma, Otero e Guitián participarán nun coloquio aberto co público.

A entrada para asistir como público á estrea desta curta en Lugo é libre e gratuíta para todas as persoas interesadas. O aforo é limitado e conta cunha capacidade de arredor de 100 prazas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2015.