Ir o contido principal

O grupo austríaco MtW ofrece este martes un concerto de jazz no órgano da Compañía

A segunda edición do ciclo ‘O órgano da Compañía’ arranca este martes, 31 de marzo, cun concerto do grupo de jazz austríaco MtW, que interpretará composicións propias nun programa que mestura a música antiga e o jazz e no que se combinan o saxo, o violonchelo a guitarra, o laúde e o contrabaixo. Xunto a eles o órgano da Compañía, da man da organista Martina Schobersberger, que porá o complemento acústico coa súa forte personalidade e variedade de recursos sonoros, transformándose nun instrumento tamén apto para interpretar músicas “doutra maneira”.
Será na Igrexa Universitaria ás 20:30 horas cando co recital ‘Entre tempos’ o público asista a unha mestura a medio camiño entre o minimalismo, o jazz e a música clásica; un encontro co impoñente son do órgano entre o antigo e o contemporáneo.
O cicloO ciclo ‘O órgano da Compañía’ é un proxecto multidisciplinar que pretende darlle vida a este valioso instrumento musical, patrimonio da Universidade e da cidade de Compostela, permitindo así un achegamento diferente á súa música e ás súas posibilidades e recursos acústicos e expresivos.
Nesta segunda edición, o ciclo amplía o seu espectro multidisciplinar para dar cabida a xéneros artísticos diversos, non só musicais. Desta volta, achégase a música de órgano dende estilos tan diversos como o jazz a improvisación, a música para instrumentos góticos de tecla ou a danza barroca, nunha singular simbiose entre a sobriedade e a maxestade do órgano da igrexa da Compañía e a variedade rítmica, sonora e visual dos instrumentos contemporáneos e das coloridas coreografías barrocas.
O órgano da IgrexaO órgano da Igrexa da Compañía foi construído en 1801 polo compostelán José Sanz para o Colexio de Capeláns de Sancti Spiritus, que celebraba entón os seus cultos no templo. O taller de organaría de Gerhard Grenzing restaurouno en 1998. Situado no coro alto da igrexa, no lado esquerdo, o órgano é de tipo polifónico con teclado único de ventá, e destaca polos seus vinte e catro xogos, que inclúen os frautados, címbalas, cornetas, trompetas reais ou claríns.
Se ben foi construído xa a principios do século XIX, segue a representar as características propias do órgano barroco español. Destaca, pola súa espectacularidade, a trompetaría de fachada ou de batalla, cos seus tubos horizontais, característica exclusiva do órgano ibérico. Como tamén o é o denominado teclado partido que posúe este órgano e que permite, cun só teclado, combinar rexistros (e polo tanto sonoridades) diferentes, un rexistro da metade do teclado cara ás notas máis agudas (para a man dereita) e outro cara ás notas máis graves (para a man esquerda).
Os intérpretesMtW está integrada por Thomas Mandel, saxofón; Thomas Wall, violonchelo; Daniel Oman, guitarra acústica e laúde; Wolfram Derschmidt, contrabaixo; e Martina Schobersberger, órgano e lave.
A austríaca Martina Schobersberger cursou estudos de pedagoxía instrumental na Anton Bruckneruniversität de Linz e órgano co profesor August Humer. Foi profesora na Landesmusikschulwerk de Oberösterreich ao tempo que comeza os seus estudos no eido da música antiga na Musikhochschule de Trossingen (órgano con Andrea Marcon) e na Schola Cantorum Basiliensis (órgano con Jean-Claude Zehnder e clavecín con Andrea Marcon). Durante ese tempo foi tamén organista na Marienkirche de Olten en Suíza.
Desenvolveu a súa carreira concertística no eido internacional como membro do Oman Consort e como solista e instrumentista de diversos grupos de cámara e orquestras. Ademais, interésase pola música medieval para organetto e é organista da Herz-Jesu-Kirche de Linz. En 2004 grava o seu primeiro CD como solista de órgano, no que interpreta obras en dous órganos históricos do Renacemento e Barroco situados en Oberösterreich.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2009.