Ir o contido principal

O grupo de Bioestatística promove Stat Wars, unha iniciativa para alumnado de ESO e Bacharelato

Cartel de Stat Wars
Cartel de Stat Wars
É unha iniciativa que presenta a estatística como unha ferramenta imprescindible para resolver situacións e problemáticas cotiás da sociedade en ámbitos como a medicina, a economía, medio ambiente ou...

O grupo interdisciplinar de Bioestatística (GRIDECMB) lidera ‘Stat Wars. O despertar dos datos’, unha actividade dirixida a alumnado de ESO e de Bacharelato para transmitirlle que a estatística, ademais dunha profesión de futuro pode ser unha ferramenta imprescindible para resolver situacións e problemáticas cotiás da sociedade en ámbitos como a medicina, a economía, medio ambiente ou o xornalismo. Baixo a dirección da profesora Carmen Cadarso Suárez en coordinación coa Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), o proxecto conta co apoio da Rede Nacional de Bioestatística (BIOSTATNET) e está co financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), ademais de recibir a colaboración da empresa Biostatech.

O formato fomentará a participación da mocidade para, dun xeito innovador e atractivo, procurarlle un achegamento aos contidos de forma amena e divertida. Nun único evento, a xornada comezará con charlas e visualización de vídeos sobre temas de actualidade que xerarán o debate entre os/as asistentes. Posteriormente, na segunda parte, realizaranse xogos e concursos nos que o alumnado participará de forma individual ou en grupo. O/a concursante que resulte gañador recibirá o seu correspondente premio.

Stat Wars está previsto que se realice durante a Semana da Ciencia que se vai celebrar en novembro de 2017 en Santiago de Compostela. Aqueles centros interesados en recibir máis información sobre este evento ou teñan interese en asistir poden contar co grupo GRIDECMB a través do correo electrónico proyecto.statwars [at] usc.es (proyecto[dot]statwars[at]usc[dot]es) ou no teléfono 881.812.283. Tamén está dispoñible máis información en redes sociais Facebook e Twitter.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2017.