Ir o contido principal

O Grupo Compostela celebrará a súa XIX asemblea xeral a vindeira semana en Nantes

O Grupo Compostela de Universidades desenvolverá os vindeiros días 19 e 20 de setembro na Universidade de Nantes (Francia) a súa XIX asemblea xeral, na que participarán máis de 60 representantes das 67 universidades de 26 países diferentes que forman o Grupo, entre elas as tres galegas. Durante a asemblea do Grupo, unha das máis amplas redes universitarias do mundo, terá lugar un seminario aberto ao público baixo o título 'Internacionalizando o currículo dos estudantes a través da mobilidade global’, con especial atención ás posibilidades de inserción no mercado laboral. Para introducir o tema e afondar na posterior discusión, o Grupo Compostela reunirá a representantes dos diferentes sectores involucrados como responsables da Comisión Europea, especialistas en mobilidade, representantes de cámaras de comercio e alumnado. Como en anos anteriores, a reunión anual do Grupo rematará coa cerimonia de entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. Nesta ocasión o galardoado é a canle de televisión Euronews por ser creadora e transmisora de información dende un punto de vista europeo. Un ano de intensa actividade O Grupo Compostela emprendeu multitude de actividades ao longo do pasado curso. Entre elas, o proxecto EMMA (Embracing the Modernisation Agenda; Adoitando a axenda para a modernización) financiado pola Comisión Europea que tivo como obxectivo promover o debate entre os principais actores involucrados no futuro da educación superior en Europa e materializouse na organización de dous seminarios interactivos en Bruxelas. As súas conclusións recolléronse nun informe que se presentará aos membros do Grupo Compostela na Asemblea Xeral para a súa posterior remisión á Comisión Europea. Tamén durante a reunión anual da Asociación se reproducirá o vídeo gañador da segunda edición do seu concurso internacional de vídeos feitos por estudantes e farase entrega dun diploma de honor aos gañadores Fernanda Flota e Miguel Tafich, da Universidade de Monterrey, México.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.09.2013.