Ir o contido principal

O Grupo Compostela de Universidades celebra esta semana en Santiago a súa XIII asemblea xeral

De esquerda a dereita:  a secretaria executiva do Grupo Compostela, Beatriz Iglesias; o seu presidente, Michael Cooper; e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández
De esquerda a dereita: a secretaria executiva do Grupo Compostela, Beatriz Iglesias; o seu presidente, Michael Cooper; e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández
No transcurso da xuntanza elixirase ao novo presidente do Grupo

O Grupo Compostela de Universidades celebra esta semana en Santiago a súa XIII Asemblea Xeral. Nesta ocasión, o xoves 20 e o venres 21 no Centro de Estudos Avanzados (Finca Vista Alegre s/n) os membros do grupo estudarán a traxectoria dos universitarios dende antes de acceder á carreira ata o seu papel de egresados. Os detalles desta convocatoria, na que deberán elixir novo presidente, presentáronse nunha rolda de prensa á que asistiron o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; o presidente do Grupo Compostela, Michael Cooper; e a secretaria executiva deste, Beatriz Iglesias.
A asemblea inaugúrase este xoves, día 20, ás 9:00 horas nunha cerimonia á que asisten o reitor da USC, Senén Barro, e o propio Michael Cooper. Deseguido terá lugar a primeira das conferencias a cargo da directora de Educación Superior do ICEF, Maite Viudes, na que explicará como recrutar aos mellores estudantes, a quen lle seguirá a intervención do director da UNESCO en materia de xestión e políticas universitarias, Francisco Michavila, sobre a mellora da calidade da educación. Xa ás 12:15 horas desenvolverase unha mesa redonda na que se disertará sobre a inserción laboral dos graduados. Neste debate participarán a secretaria do Proxecto Europeo rede Universidade-Industria, Simona Lache; o vicerreitor de Alumnado da Universidade de Navarra, José Luis de Cea; o presidente da World Association for Cooperative Education (WACE), Ian Goulter; e o membro do Comité do proceso de Bolonia pola Unión de Estudantes Europeos, Bruno Carapinha.
Os participantes nesta asemblea xeral asistirán na tarde do xoves, ás 17:00 horas no Hostal dos Reis Católicos, á conferencia que, baixo o título ‘Literapia’ ofrecerá o prestixioso profesor Marc Richelle, predecesor de Michael Cooper na presidencia do propio Grupo Compostela de Universidades.
Programa do venresXa o venres 21, e logo dunha sesión simultánea dos distintos grupos de traballo, desenvolveranse dúas sesións paralelas das áreas latinoamericana e mediterránea do Grupo para fortalecer os lazos de cooperación existentes e abrir outros novos.
No transcurso desta asemblea xeral elixirase ademais o novo presidente do Grupo, unha vez esgotados por Michael Cooper os dous mandatos de catro anos que permiten os estatutos. Á elección, cuxo resultado darase a coñecer o venres ás 16:30 horas, preséntase como candidato único Maurits van Rooijen, da Universidade de Westminster. Xa como remate, terá lugar ás 20:00 horas no Hostal dos Reis Católicos unha cea de gala na que se lle imporá a Insignia de Ouro da Universidade a Michael Cooper en recoñecemento aos oito anos de dedicación ao Grupo.
Grupo Compostela de UniversidadesO Grupo Compostela de Universidades creouse en 1995 a partir dunha iniciativa da USC que pretendía agrupar nunha rede ás universidades e institucións de educación superior emprazadas ao longo do antigo Camiño de Santiago co fin de incrementar a cooperación universitaria e preservar a herdanza cultural e histórica. Dada a expectación creada, en 2004 decidiuse permitir que institucións non europeas puideran unirse a este grupo. Deste xeito, na actualidade son máis de setenta as universidades e institucións de ensino superior que o compoñen, pertencentes a Australia, Bélxica, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemania, Grecia, Hungría, Italia, Kosovo, Luxemburgo, Malta, México, Holanda, Noruega, Perú, Polonia, Portugal, Rusia, España, Suecia, Suiza e Reino Unido.
Estimular a mobilidade de docentes, estudantes e persoal administrativo entre as universidades membro, favorecer proxectos conxuntos de investigación así como a formación de posgrao, facilitar o pleno recoñecemento académico dos estudos e promover o desenvolvemento curricular e os proxectos conxuntos son algúns dos obxectivos desta rede internacional de universidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2007.