Ir o contido principal

O Grupo Compostela de Universidades expándese cara Asia coa incorporación de novos membros

O reitor Juan Casares nun momento da súa participación neste Asemblea Xeral que o Grupo Compostela celebra en Nantes
O reitor Juan Casares nun momento da súa participación neste Asemblea Xeral que o Grupo Compostela celebra en Nantes

A XIX Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades (CGU) comezou este xoves 19 en Nantes (Francia) unha nova xuntanza coa adhesión de seis novos membros á Asociación e a presentación e reprodución da obra gañadora do seu concurso internacional de vídeos de estudantes. Ademais, o Comité Executivo do CGU presentou aos 63 representantes de universidades membro que se reuniron, algunhas das novas actividades que se levarán a cabo durante este curso académico. Entre os novos membros, tres son universidades, a Universidade Anáhuac Xalapa (México), o Instituto Tecnolóxico de Santo Domingo (República Dominicana) e Turar Ryskulov Kazakh Economic University (Casaquistán). As outras tres institucións que se unen á rede son asociacións, a Asemblea Nacional de Reitores de Perú (Perú), QS Asia Quacquarelli Symonds e a Hispanic Association of Colleges and Universities (HACU, Estados Unidos). Estas incorporacións manteñen o número de universidades asociadas en 68 (membros de pleno dereito, tendo en conta tres baixas) e incrementan o de países a 27; ademais, supoñen a expansión do Grupo Compostela ao continente asiático. Durante a tarde, María Fernanda Flota, a estudante gañadora (con Miguel Tafich) do II Concurso Internacional de Vídeos do Grupo Compostela, presentou o seu vídeo 'Future' á Asemblea Xeral. No seu discurso, destacou a importancia da universidade na sociedade actual: “creo que a Universidade é a ferramenta que precisamos para construír o noso futuro como profesionais”. Unhas horas antes, a vicepresidenta do CGU, Inmaculada Fortanet, explicou os novos aspectos que terá esta competición na súa próxima edición. Entre eles, habilitaranse mecanismos para facilitar a participación tanto das institucións membro (en relación ás necesidades organizativas) como dos seus estudantes (que poderán realizar os seus vídeos sobre unha variedade de temas). Na reunión tamén houbo tempo para a presentación das novas iniciativas que o Grupo organizará en 2013-2014. Entre elas, destacou o programa STELLA de mobilidade internacional de persoal administrativo. A través desta iniciativa, o CGU proverá 28 bolsas para a mobilidade intercontinental do persoal administrativo das súas universidades socias. Seminarios públicos e o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta O seminario 'Internationalising Students through Global Mobility' (Internacionalizando o Currículo dos Estudantes a través da Mobilidade Internacional) celebrouse este venres no Amphi Pelloutier da Universidade de Nantes. Trátase dunha actividade aberta ao público que se centrou no impacto da mobilidade internacional no currículo académico dos estudantes en todas as disciplinas e niveis. O seu principal obxectivo é analizar os beneficios e consecuencias da mobilidade tras o regreso á institución de orixe e, especialmente, no que se refire ao seu impacto no incremento das posibilidades de acceso ao mercado laboral. Continuando a tradición, a Asemblea Xeral do Grupo Compostela finalizará coa presentación do XVII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que este ano recoñece o labor da canle de televisión Euronews como creador e transmisor de noticias dende un punto de vista europeo. Algúns exemplos de gañadores de edicións anteriores son a institución de posgrao, Colexio de Europa; a vicepresidenta da Comisión Europea e Comisaria de Axenda Dixital, Neelie Kroes; o Premio Nobel da Paz, Mohamed ElBaradei; o escritor e xornalista Amin Maalouf; ou a cadea de televisión cultural europea, Canal Arte.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2013.