Ir o contido principal

O Grupo Compostela de Universidades incorpora seis novos membros

De esquerda a dereita, a vicepresidenta do Grupo Inmaculada Fortanet, a estudante Andrea Estrada e Maurits van Rooijen
De esquerda a dereita, a vicepresidenta do Grupo Inmaculada Fortanet, a estudante Andrea Estrada e Maurits van Rooijen

A XX Asemblea do Grupo Compostela de Universidades comezou este xoves 25 en Poznan (Polonia) coa adhesión de seis novos membros á asociación e a presentación do vídeo gañador do concurso internacional que o grupo convoca entre o estudantado. Ademais, o Comité Executivo presentou aos 64 delegados de universidades membro o balance de actividades que se levaron a cabo durante este curso académico. Entre os novos membros, que foron presentados ao Grupo polas súas máximas autoridades, cinco son universidades Universidad de Burgos (España), CETYS Universidad Baja California (México), Ilia State University (Georgia), Universidad de LaSalle (México) e Columbus University (Panamá). A outra institución que ten sido admitida é unha rede de universidades mexicana, a Asociación Nacional de Universidades e Institucións de Educación Superior (ANUIES). Con estas incorporacións, o Grupo Compostela pasa a contar con representación de dous países nos que ata agora carecía de presenza, Panamá e Xeorxia. Na primeira xornada de traballo, Andrea Estrada en representante do grupo de estudantes da University of Roehampton (Reino Unido) gañador do III Concurso Internacional de Vídeos do Grupo Compostela, presentou á Asemblea Xeral o seu vídeo 'Year Abroad: Make The Most of It' . Grazas ao convenio asinado no pasado mes de febreiro entre o Grupo Compostela e Euronews, un dos estudantes do equipo gañador será seleccionado pola cadea para realizar unha estancia de prácticas nas súas instalacións. Programa Stella Na reunión tamén houbo tempo para a presentación das iniciativas que o Grupo organizará en 2014-2015. Unha especialmente interesante para os seus membros é o programa STELLA de mobilidade internacional de persoal administrativo. A través desta iniciativa, o CGU proverá 24 bolsas para a mobilidade intercontinental do persoal administrativo das súas universidades socias. ‘Diálogos de Compostela’ A xornada do venres comeza coas conferencias do profesor Marek Kwiek, da Universidade Adam Mickiewicz, e de Simone Baldassarri, da Unidade de Emprendemento e Economía Social da Comisión Europea, para falar sobre a actividade investigadora en Europa e o Plan de Emprendemento 2020, respectivamente. A eles seguiu a celebración de dous seminarios paralelos onde se debateron aspectos relacionados co funcionamento e retos formulados polo Espazo Europeo de Investigación ou os puntos fortes e febles do recentemente estreado programa de mobilidade interuniversitaria Erasmus+. Neste sesión tamén comezou a primeira edición dos Diálogos de Compostela sobre Educación superior, unha serie de conferencias e debates cos que a asociación aspira a redactar posicionamentos conxuntos que inflúan nas instancias políticas e acaden un verdadeiro impacto social. Figuras destacadas como Robert Cloarec, secretario Xeral do Consello de Valores Básicos do Ministerio sueco de Saúde e Asuntos Sociais; Tomas Bokström, da Asociación Sueca de Autoridades Locais e Rexionais; ou o Obispo Lennart Koskinen ofrecerán aos participantes os seus puntos de vista ao respecto da relevancia da transmisión de valores éticos na universidade de forma que estes atopen, posteriormente, reflexo directo nos distintos ámbitos sociais. A Asemblea concluirá cun acto conmemorativo para celebrar o XX Aniversario do Grupo Compostela de Universidades e coa entrega do XVIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao científico sueco Lennart Levi. En ambos actos participarán o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2014.