O Grupo Compostela de Universidades organiza un seminario sobre as ferramentas para a aprendizaxe de idiomas na sociedade global
O Seminario ‘CHINESECOM: Aprendendo linguas para unha sociedade global’ abrirá un debate sobre as ferramentas existentes para a aprendizaxe de idiomas e a súa adecuación ás necesidades actuais dun mercado laboral multilingüe. Este evento, de entrada libre e en lingua española, celebrarase o este xoves 22 no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) especialmente enfocado a docentes e estudantes de linguas.
Organizado polo Grupo Compostela de Universidades, o seminario coincide coa presentación do proxecto CHINESECOM –Competencias en chinés elemental como medio para mellorar a competitividade das empresas da Unión Europea. Financia este proxecto a Comisión Europea mentres que a súa promoción recae na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
O proxecto, do que o Grupo Compostela é socio, pretende facer fronte á escasa dispoñibilidade de material multimedia adaptado ás necesidades reais do persoal das empresas, así como de estudantes universitarios e de formación profesional á hora de afrontar a aprendizaxe da lingua chinesa. O resultado máis visible do proxecto é o curso en liña dispoñible gratuitamente na súa páxina http://www.chinesecom.eu, realizado en base aos resultados dunha investigación sobre as necesidades concretas da empresa neste eido.
O seminario inclúe unha serie de relatorios nos que se analizará o alcance doutros proxectos como o Linguasnet, Pave, Yogote ou Eurocatering entre outros. O primeiro deles, Linguasnet, está promovido polo Concello de Mos (Pontevedra) e coordinado por Atin, cuxo resultado é o portal http://www.linguasnet.eu no que se inclúen cursos interactivos e gratuítos de inglés, español, portugués e romanés, especialmente dirixidos a inmigrantes.
No encontro, os participantes tamén entrarán en contacto co proxecto Pave (http://projects.um.edu.mt/pave/) de promoción do uso de medios audiovisuais na educación de adultos e con Yogote (http://www.yogote.net), proposta de comunicación que propón a aprendizaxe de linguas mediante a utilización dunha linguaxe común de xestos no ámbito internacional. Finalmente tamén se dará conta de Eurocatering, curso de idiomas interactivo con base en Internet e unha plataforma social en sete idiomas para o sector da restauración: http://www.eurocatering.org