Ir o contido principal

O Grupo Compostela de Universidades realiza a súa primeira Asamblea Xeral en liña

Esta xornada inaugural na que tomou parte o reitor Antonio López, clausurouse coa cerimonia de entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao músico e musicólogo Carlos Villanueva Abelairas
Santiago de Compostela

O Grupo Compostela de Universidades (GCU) e a Universidade do Miño organizan do 21 ao 22 de setembro a primeira asemblea xeral en liña da súa rede universitaria. No mes de xuño, ambas institucións adoptaron a decisión de trasladar a internet este evento, a fin de garantir a seguridade sanitaria e a continuidade da reunión anual dos socios da rede.

O evento, no que tomou parte o reitor Antonio López,  iniciouse este luns coa reunión do consello xeral do GCU, tras a que se sucederon as cerimonia de entrega dos galardóns dos concursos do GCU, a través dos cales se recoñece anualmente o talento audiovisual e investigador dentro da rede. No IX Concurso Internacional de Vídeo premiarase aos estudantes das universidades de A Coruña (España) e Anáhuac Xalapa (Mexico). En canto ao IV Concurso de Pitches de Investigación, os premios outorgaranse a investigadores das universidades de Pécs (Hungría) e A Coruña (España).

Esta xornada inaugural clausurouse coa cerimonia de entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. Na súa vixésimo cuarta edición este galardón recaeu no músico e musicólogo Carlos Villanueva Abelairas, de quen o xurado destacou no seu fallo a súa “prolífica traxectoria no estudo da cultura xacobea e da música vencellada ao Camiño de Santiago, así como a súa relevante contribución ao proxecto de construción dos instrumentos do Pórtico da Gloria”.

No seu segundo día, o debate cobrará protagonismo durante os VII Diálogos Compostela na Educación Superior, nos que académicos e expertos internacionais abordarán cuestións relacionadas co impacto da COVID-19 e a sustentabilidade no eido universitario. Ademais, nesta xornada o GCU presentará o informe que elaborou, tras realizar unha enquisa entre os seus socios, acerca da repercusión da pandemia na educación superior.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2020.