Ir o contido principal

O Grupo de Creación Musical da USC ofrece dous concertos esta semana dentro da programación de maio de Lugo Cultural

A programación de maio de Lugo Cultural remata esta semana con dous concertos do Grupo de Creación Musical da Vicerreitoría de Cultura. Serán o martes 27 e o mércores 28, no Círculo das Artes, ás 20:30 horas.
Estas actuacións levan por título ‘A música e o entorno’ e están dedicadas aos compositores Luc Ferrari e Robert Murray Schafer.
O grupo está dirixido por Inmaculada Cárdenas. A sección electroacústica é responsabilidade de Arturo Vaquero e a vocal de Mónica Álvarez. O programa consta de catro novas composicións propias: ‘Paisaxes sonoras imaxinarias’, ‘Paseo sonoro pola Muralla’, ‘As señoritas de Carabanchel’ e ‘Ensaio’.
Remata con estas actuacións unha programación que no mes de maio ofreceu aos lugueses o programa ‘Anda na Banda’, para o fomento da banda deseñada, a entrega de premios do Maratón Fotográfico e a actuación de Marcos Teira.
O Convenio Lugo Cultural, do que forman parte a USC, o Concello, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia, ofrece unha variada programación cultural durante todo o ano, en especial os meses de maior actividade universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2008.