O Grupo de Creación Musical da USC protagoniza un novo encontro con estudantes na Bal y Gay
Os compoñentes e a directora do Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS), Inmaculada Cárdenas, presentarán aos estudantes do Campus de Lugo o traballo de experimentación musical que realiza este grupo, nun encontro que se desenvolverá este martes 4 ás 21:30 horas na Residencia Universitaria Bal y Gay.
Esta xuntanza é a quinta do ciclo de encontros que se desenvolverán ata finais deste mes ao amparo do convenio Lugo Cultural co obxecto de que os estudantes lugueses amplíen a súa oferta de lecer ao tempo que se achegan ás experiencias de profesionais de diferentes campos artísticos, como a música, a danza ou o teatro.
O GCMUSO Grupo de Creación Musical da USC naceu na Escola de Maxisterio do Campus de Lugo recollendo os principios básicos da pedagoxía da creación musical, un movemento desenvolvido en Francia na década dos 70 do pasado século que procuraba integrar os sons electroacústicos do Grupo de Investigación Musical GRM, dirixido por Pierre Schaeffer, coas teorías do xogo infantil do psicólogo suízo Jean Piaget.
A concepción do Grupo de Creación Musical comezou a tomar corpo a finais do ano 96 e fraguouse no 97 coa posta en escea de ‘Serea’ e ‘Contador de Contos’. Dende entón, o grupo someteuse a continuas evolucións encardinadas sempre no proceso de experimentación que define a súa filosofía.
Na actualidade, o GCMUS está dirixido por Inmaculada Cárdenas, e conta con dúas seccións, electroacústica e vocal, das que se encargan Arturo Vaquero e Mónica Álvarez, respectivamente. O traballo realizado ao longo deste curso polas dúas seccións presentarase, como é habitual, dentro da nova edición do programa ‘Sons Creativos’, antes chamado ‘Arte Son’, que se desenvolverá dende o día 13 ao 15 como foro de intercambio creativo con compositores e creadores do mundo da música contemporánea máis vangardista.