Ir o contido principal

O grupo ANTE desenvolve en Tomiño unha xornada de análise sobre a futura AECT Río Miño

Nas últimas tres décadas xurdiron no espazo comunitario múltiples estruturas que buscan forxar proxectos territoriais máis alá das fronteiras dos estados-nación. No contexto ibérico creáronse xa unha vintena de Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) e máis de 50 no espazo común. No contexto da raia galaico-portuguesa, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e a máis recente Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal son dous referentes da cooperación.

Agora, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade intermunicipal do Alto Miño tomaron a iniciativa de promover a creación dunha AECT no espazo do Miño/Minho transfronteirizo para reforzar as sinerxías existentes entre ambas as beiras do río.

Co gallo de coñecer experiencias de éxito na Península Ibérica e en Europa, e tendo en conta os numerosos traballos desenvolvidos neste eido, o Grupo de Investigación de Análise Territorial da USC organiza este venres 21 en Tomiño unha xornada para debater os resultados obtidos ata o momento noutras AECT de maior percorrido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2017.