O grupo de Ecotoxicoloxía da USC participa nun proxecto para medir a calidade do aire de Logroño

O grupo de Ecotoxicoloxía da USC colabora coa Universidade da Rioxa nun proxecto que estudará a calidade do aire de Logroño a través dunha novidosa técnica de biomonitorización baseada no musgo. O proxecto enmárcase nun convenio subscrito entre a Fundación la Caixa e o goberno da Rioxa para promover actuacións en materia de investigación, saúde e medio ambiente. O estudo utilizará o dispositivo Mossphere (esfera de musgo), resultado dun proxecto de investigación europeo que coordinara a USC coa participación de doce universidades e empresas de cinco países.
En total instaláronse 78 dispositivos Mossphere noutros tantos puntos da área metropolitana de Logroño, formando unha malla regular cunha distancia media entre puntos de 575 metros. Esta rede complementarase con outra malla que utiliza como biomonitor o ligustro común, unha árbore ornamental, formado por 50 puntos de control.
A monitorización dos contaminantes atmosféricos resulta fundamental para establecer a calidade do aire. Habitualmente, este é un procedemento resolto con procedementos fisicoquímicos pero fronte ao que, nas últimas décadas, está adquirindo unha gran relevancia o uso de organismos, proceso que recibe o nome de biomonitorización. A importancia desta nova alternativa radica en que avalía non só as concentracións de determinados contaminantes na atmosfera senón tamén os seus efectos sobre os organismos.
Para producir este biomonitor cultívase un clon dos musgo, concretamente un esfagno -musgo de turbeira- en biorreactores en laboratorio e fíxase a unha esfera de material plástico. Esta esfera co musgo exponse aos contaminantes colgándoa dun soporte durante un período de tempo que oscila entre semanas ou meses dependendo do obxectivo pretendido, para así analizar a concentración de contaminantes no musgo. Neste caso en concreto, as esferas agora instaladas recolleranse nun prazo de tres meses e estímase que os resultados do estudo poderán estar dispoñibles o vindeiro mes de setembro. O grupo de Ecotoxicoloxía da USC confórmano Alejo Carballeira Ocaña, Jesús Aboal Viñas, José Ángel Fernández Escribano e Rita García Seoane.
Mossphere
Os dispositivos agora instalados en Logroño son froito do traballo desenvolvido ao abeiro do proxecto internacional Mossclone, un consorcio de doce universidades e empresas de España, Alemaña, Italia, Francia e Irlanda que estudou a utilización de musgos desvitalizados para a avaliación e xestión da calidade do aire, concretamente para medir a contaminación por compostos orgánicos e inorgánicos, especialmente hidrocarburos.
Como explica José Ángel Fernández, as técnicas biotecnolóxicas actuais permiten cultivar musgos en biorreactores posibilitando ademais illar un clon de musgo, cultivalo e producir material estándar (cun alto grao de patentabilidade) comparable á utilización de resinas ou polímeros para o control da calidade atmosférica.