O grupo de Elementos Traza sintetiza un tipo de nanopartículas capaces de detectar o consumo de cocaína en ouriños e saliva

O grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) deseñou e sintetizou un tipo de nanopartículas fluorescentes non tóxicas (quantun dots de sulfuro de zinc dopados con manganeso) que, cubertas con polímeros de pegada molecular específica, supón un avance na detección rápida do consumo de cocaína e os seus metabolitos en mostras de ouriños ou saliva, con aplicacións na análise in situ, como un control de tráfico. Esta proposta, recollida na comunicación ‘Use of Mn-doped ZnS quantum dot-molecularly imprinted polymers for cocaine fluorescence screening in urine samples’, recibiu o primeiro premio da Editorial Springer nas décimo cartas xornadas de Análise Instrumental organizadas pola Sociedade Española de Química Analítica (SEQA) celebrada en Barcelona en paralelo con Expoquimia.
A autora principal da comunicación é a estudante do Máster en Química Avanzada Pilar Chantada Vázquez, xunto a quen traballaron neste estudo os profesores Antonio Moreda Piñeiro e Elena Peña Vázquez e o estudante de doutoramento Juan Sánchez González. Dirixe o equipo a profesora Pilar Bermejo. No desenvolvemento do estudo tamén colaboraron as profesoras do Departamento de Medicina Legal Ana Mª Bermejo Barrera e Mª Jesús Tabernero.