O grupo Enermecamodel expón as actuais liñas de investigación en enerxía, mecanización e modelización agroforestal
O workshop de carácter divulgativo e informativo sobre a actividade, liñas e proxectos de investigación nos que están a traballar os profesores e novos investigadores agromados no grupo GI-1720 Enerxía, Mecanización e Modelización Agroforestal (Enermecamodel), con sede na Escola Politécnica Superior, ofreceu este mércores unha visión conxunta sobre avances e liñas de investigación abertas nestes ámbitos e nas que se está a traballar desde o Campus Terra da USC.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, abriu o programa do workshop promovido polo grupo de investigación Enermecamodel cun breve acto institucional, no que tamén interviñeron a coordinadora deste grupo, a profesora Dolores Fernández, e o tamén docente e investigador da USC na Escola Politécnica Superior Carlos Amiama Ares, quen comezou a quenda de relatorios dunha xornada que se desenvolveu en quenda de mañá. Estruturado en relatorios e táboas redondas, o foro de análise e debate protagonizado polos integrantes de Enermecamodel permitiu achegarse a distintos campos de investigación, áreas de traballo que seguen activas e cuxa temática abrangue desde a xestión de rutas para a recollida de leite e de distribución de pensos, a xestión da madeira de carballo galego como materia prima certificada no actual contexto de mercado europeo, ou o uso da placa Arduino e os deseños electrónicos de baixo custe. O CAD paramétrico, a idoneidade da madeira de Quercus robur L. para a produción de láminas empregadas na fabricación de barricas, os sistemas de muxidura ou a metodoloxía ARIMA na predición de temperatura en aloxamentos gandeiros, completaron o abano de temas abordados no marco deste workshop, no que participaron como relatores os investigadores da USC Carlos Amiama, Pablo Vila, Miguel Ángel González, Eduardo Zurita, Ignacio Díaz-Maroto, José Manuel Pereira e Juan Antonio Ortega. A xornada serviu asemade para dar máis visibilidade ao traballo de investigación que está a desenvolver o grupo Enermecamodel, cuxos membros rexistraron nos últimos anos máis de 20 publicacións en revistas científicas de impacto, ao tempo que rexistraron xa dúas patentes. Dolores Fernández destacou neste senso a actividade que está a desenvolver Enermecamodel, un grupo da USC no que conflúen investigadores das áreas de Electrotecnia, Mecanización e Modelización agroforestal e Dasometría, entre outras.