Ir o contido principal

O Grupo GIST-IDEGA pon na rede unha web experimental para a promoción de novas formas de turismo alternativo de Galicia

www.galiciaautentica.org é unha web de rutas etnográficas que ofrece unha visión alternativa do medio rural galego e se complementa con www.granxafamiliar.com, ambas as dúas “unha expresión cultural de compromiso co desenvolvemento sostible no medio rural galego”. Así describe o grupo de investigación GIST-IDEGA da USC e a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar esta web experimental para a promoción de novas formas de turismo alternativo en Galicia que acaba de estrearse na rede.
Os contidos de http://www.galiciaautentica.org/ foron deseñados e definidos a partir da colaboración entre técnicos e investigadores do Gist-Idega e unhas trinta familias do rural galego, que xa participan no proxecto de granxafamiliar.com. Os encontros, reunións e traballos de campo realizáronse durante os últimos doce meses en diversidade de parroquias e aldeas galegas. A día de hoxe www.galiciaautentica.org ofrece rutas etnográficas por toda a xeografía de Galicia, mostrando en pequenos vídeos, sons e fotografías dixitais a cultura galega e a súa natureza diferencial.
Para a súa elaboración un equipo de seis investigadores percorreu a xeografía das diferentes comarcas galegas capturando e dixitalizando pequenos trazos a modo de flashes da vida diaria dos galegos e galegas co obxectivo de difundilo en Internet. O seguinte paso que se está a acometer é a ‘xeorreferenciación’ deste arquivo multimedia dixital a partir de Google Maps e Panoramio para a súa difusión en redes sociais a través de Internet, ofrecéndose igualmente a través de canles propios en Youtube e Facebook.
Deste xeito, sinalan os seus promotores, “presentamos unha Galicia Auténtica, descoñecida e atractiva diante da mirada de potenciais visitantes, turistas e viaxeiros con interese por coñecer Galicia e a nosa cultura”. Concibido como un Museo de Rutas Etnográficas, preténdese “mostrar a xeografía cultural galega de forma innovadora e creativa, difundindo todos os aspectos que nos caracterizan como un pobo orixinal e diferente no contexto español e no europeo”.
Neste senso, o Museo Virtual de Rutas Etnográficas de Galicia dispoñible en www.galiciaautentica.org mostra en formato multimedia aqueles aspectos da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio que permiten obter unha auténtica visión "alternativa" da xeografía cultural de Galicia.
O proxecto agora aberto ao público en xeral baséase na cooperación entre diversas entidades que teñen como obxectivo impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego. Ademais de Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF) e do Grupo de Investigación GIST-Idega da USC, colaboran nesta iniciativa Feiraco, a Xunta de Galicia, Cáritas, Caixa Galicia e os concellos de Brión, Antas de Ulla e Lalín.
ADAF e o Grupo GIST da USC buscan con esta iniciativa chamar a atención dos cidadáns, impulsar a reflexión interna na sociedade galega e incentivar a "mirada dos outros sobre a nosa idiosincrasia e os nosos referentes etnográficos”. En conxunto, “queremos comezar a construír creativamente unha versión alternativa dos tópicos turísticos e chamar a atención dos visitantes para que percorran a nosas aldeas e parroquias rurais”, engaden os investigadores de GIST-IDEGA.
O proxecto está agora aberta á iniciativa de calquera persoa ou colectivo que desexe crear e difundir unha ruta orixinal en calquera concello ou comarca galega. O sistema foi creado a partir dos principios da comunicación bidireccional e da web social, ofrecendo a posibilidade de editar na web rutas creadas por calquera persoa que percorra Galicia a través da opción “Axúdanos a Medrar”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2010.