O grupo Histagra estrea nova web con recursos diversos para a comprensión do mundo rural contemporáneo
O grupo Histagra, grupo de referencia competitiva da USC sobre Historia Agraria e Política do mundo rural nos séculos XIX e XX, acaba de poñer en rede a súa nova web, un recurso co que facilitar máis a investigación e a comprensión do mundo rural contemporáneo. Como explican os seus responsables, esta é unha iniciativa que ofrece á comunidade científica e ao público interesado unha ferramenta de pescuda, visibilidade e interpretación sobre un tema que, pola información achegada e a análise á que están sometidos os datos, se converte en referente galego e estatal entre outras iniciativas dedicadas a este ámbito. A web pode consultarse en http://histagra.usc.es. As persoas que se acheguen ao portal poderán coñecer aos integrantes do equipo e o seu perfil académico e profesional, ademais de atopar novos apartados como a posibilidade de acceder a traballos e publicacións realizados, algúns deles inéditos, accedendo a consultar artigos de revistas, comunicacións, teses ou traballos de investigación. Tamén se poderá seguir a actualidade do proxecto e acceder a ligazóns de páxinas web relacionadas coa temática da investigación. Outro apartado incluído, motivado pola intensa actividade científica que o grupo desenvolve, é o que pon a disposición dos usuarios/as os textos e conclusións que se elaboran a partir da asistencia a congresos, reunións científicas, moitos destes aínda inéditos. Ademais, destaca a presenza de bibliografía específica incluíndo unha sucinta descrición bibliográfica que facilita todo tipo de buscas e ligazóns ao catálogo da BUSC. O grupo HISTAGRA é un grupo de investigación da USC creado en 2006, actualmente coordinado polo catedrático do Departamento de Historia Contemporánea e de América Lourenzo Fernández Prieto e composto por unha vintena de investigadores/as con ampla formación e experiencia. Entre os seus ámbitos de traballo atópanse o clientelismo político, institucións locais, sociedades rurais, políticas da memoria, transformacións na agricultura atlántica, propiedade, política agraria e medio ambiente, construción da cidadanía e cambio social no mundo rural contemporáneo, mundo rural no período franquista, agricultura orgánica e revolución verde, cambio tecnolóxico e propiedade comunal e política forestal contemporánea en Galicia. O grupo ten acadado numerosos proxectos de I+D conseguidos en convocatorias públicas autonómicas, estatais e internacionais, así como diversos convenios e contratos de investigación como son o proxecto ‘Políticas agrarias en un contexto autoritario, de la autarquía a la revolución verde: consecuencias en el agroecosistema, la economía y la sociedad rural (1940-1980)’, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, o Estudo sobre a D.O Pan Galego (financiado por CALFENSA Proyectos S.L e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo) e a divulgación das actividades de investigación agraria na Coruña desenvolvidas entre a creación da Granxa-Escola da Coruña e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (financiado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo). Recentemente organizou a Seminario ‘Fascismo e Agricultura’ que vai dar lugar a un libro de próxima publicación.
Na actualidade, HISTAGRA coordina a Rede de Agroecoloxía ReVolta de carácter interuniversitario e interdisciplinar e que está formada polos grupos da USC COSMERUN, GESPIC e LABORATE, e GIEEA, da Universidade de Vigo.