O grupo I+D Farma da USC participa na posta en marcha do Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños
O grupo de investigación I+D Farma da USC é un dos integrantes do Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños que se presentará este venres 20 no marco dun seminario que porá fin ao proxecto internacional IBEROMARE. Esta iniciativa púxose en marcha hai tres anos co fin de levar a cabo investigacións que permitisen aproveitar residuos mariños e buscarlles unha aplicacións en distintos sectores como o da acuicultura ou a cosmética. Concretamente, o grupo da USC achegou a súa experiencia no deseño e desenvolvemento de medicamentos. I+D Farma desenvolveu no marco deste proxecto investigacións relacionadas coa utilización de materiais de orixe mariño como materias primas para a elaboración de hidroxeles con prestacións avanzadas para a administración de fármacos ou a avaliación de biomateriais útiles en enxeñaría de tecidos. O seminario no que se presentará o centro celebrarase na sede do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) en Vigo e servirá para mostrar tanto os principais resultados científicos do proxecto como as particularidades do Centro Multipolar de Valorización de Recursos Mariños creado grazas ao traballo conxunto dos diferentes grupos de investigación do consorcio. Este Centro pretende converterse nun axente activo na busca de alternativas para a valorización de recursos mariños ou subprodutos pesqueiros, con potencial aplicación en acuicultura, industria alimentaria, cosmética, biomedicina ou farmacia, entre outros. IBEROMARE IBEROMARE está financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (Interreg A) e coordinado polo grupo 3B´s Research Group da Universidade do Minho. Nel participaron a Fundación CETMAR, a Consellaría do Medio Rural e do Mar (IGAFA e CIMA), as Universidades de Santiago e Vigo, o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental-CIIMAR, o LSRE-Laboratory of Separation and Reaction Engineering, o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e o ESB Research Group.