Ir o contido principal

O Grupo de Innovación Docente de Enxeñaría Civil da USC abre un concurso de ideas para deseñar a súa imaxe corporativa

Tomás Cuesta, Ana Isabel García, Pedro García Herradón e Alberte Castro, na presentación do concurso
Tomás Cuesta, Ana Isabel García, Pedro García Herradón e Alberte Castro, na presentación do concurso
O certame, dirixido a enxeñeiros/as civís da USC e a alumnos/as da EPS, ESO, BAC e FP de Galicia, premiará cunha tableta o autor da proposta escollida como logotipo

O Grupo de Innovación Docente de Enxeñaría Civil (GIDEC) da Escola Politécnica Superior da USC convoca un concurso de ideas para definir a súa imaxe corporativa e deseñar un logotipo corporativo deste equipo de traballo, integrado por profesores e investigadores da USC no eido da enxeñaría civil.

A convocatoria deste certame, aberto á participación de enxeñeiros/as civís, así como de estudantes da EPS ou de ESO, BAC e FP en calquera centro educativo de Galicia, pretende tamén o dobre obxectivo de achegar a Enxeñaría Civil ao estudantado preuniversitario e tamén á sociedade en xeral. Este concurso encádrase asemade nos actos organizados co gallo da celebración do décimo aniversario da implantación dos estudos de Enxeñaría Civil na USC. Este concurso de ideas ao redor da Enxeñaría Civil, cuxas bases presentaron este venres o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón o subdirector da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; a subdirectora do devandito centro universitario lugués, Ana Isabel García Arias, e o tamén profesor da USC e coordinador do grao en Enxeñaría Civil, Alberte Castro, propón a elaboración dun logotipo do GIDEC que conxugue algúns elementos simbólicos da Enxeñaría Civil con outros conceptos alusivos e representativos das tarefas propias da docencia e da educación. As persoas interesadas en participar neste certame poderán consultar as bases do concurso na páxina de Facebook do GIDEC, onde tamén poderán atopar información relativa aos distintos eidos profesionais da Enxeñaría Civil, do mesmo xeito que na páxina web oficial da Escola Politécnica Superior da USC, segundo indicaron os promotores no acto de presentación deste concurso, unha sesión que tamén serviu para dar a coñecer algúns dos cometidos que están a desenvolver os/as integrantes do GIDEC. O Grupo de Innovación Docente en Enxeñaría Civil, constituído como tal no ano 2011 por un grupo de docentes e investigadores da Escola Politécnica Superior, caracterízase, entre outros cometidos, por traballar a prol da introdución de novas metodoloxías docentes e innovadoras na adquisición de coñecementos. A aprendizaxe baseada en proxectos, a aprendizaxe cooperativa, o emprego das redes sociais para usos docentes e a organización de actividades formativas complementarias, tales como relatorios, viaxes de estudo... son algúns dos recursos empregados polo GIDEC no desenvolvemento do súa función docente. Cada participante neste concurso de ideas sobre a imaxe corporativa do GIDEC só poderá presentar ao certame unha proposta de logotipo, que debe ser orixinal e non resultado de adaptacións o modificacións doutros deseños xa existentes. O prazo de presentación das candidaturas permanecerá aberto ata o 9 de maio. Os logotipos propostos, impresos nun folio en tamaño A4 e que se entregarán na conserxería da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo nun sobre pechado, deben ir acompañados dun segundo sobre que conteña os datos referidos á identidade do autor/a, unha fotocopia do seu DNI, o centro de ensino no que está matriculado e outros datos para poder establecer contacto. O xurado encargado de fallar o gañador deste concurso estará formado por cinco membros, entre os que figuran o vicerreitor do campus, o director e o secretario da EPS, o coordinador do título de grao en Enxeñaría Civil, e un dos integrantes do Grupo de Innovación Docente de Enxeñaría Civil. A decisión do xurado, que pode deixar deserto o certame e será inapelable, farase pública antes do 30 de maio de 2014. A propiedade da proposta de logotipo escollida para representar o GIDEC pasará a ser exclusiva deste grupo de traballo da Escola Politécnica Superior, que tamén se reserva os dereitos para adaptar e/ou modificar a imaxe inicial escollida como logotipo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2014.